Lugo presenta a súa candidatura á cuarta edición dos distintivos Bandeira Verde de Galicia
O Executivo de Paula Alvarellos presentou a súa candidatura á cuarta edición dos distintivos Bandeira Verde de Galicia, unha iniciativa creada no ano 2020 que busca distinguir aos concellos galegos máis dinámicos no eido medioambiental, desenvolvendo boas prácticas para o coidado da súa contorna, o respecto á paisaxe, a redución das emisións de CO2, ou a redución do consumo enerxético entre outras cuestións.
Neste senso, a rexedora destacou que “optamos a este recoñecemento polas diferentes actuacións que estamos a poñer en marcha para protexer o medio ambiente e a paisaxe; para afrontar o cambio climático e mellorar a eficiencia enerxética; para xestionar de maneira responsable os residuos municipais, e para sensibilizar a cidadanía nesta materia”.
Deste xeito, a candidatura de Lugo inclúe actuacións xa finalizadas e outras en execución. “Non están todas as que se levaron a cabo, pero si unha gran parte das que amosan o modelo de cidade no que nos estamos a converter con proxectos que nos permiten vivir de xeito máis integrado co Miño (recuperación da Vía XIX, Tanxurela, a senda verde ciclista, rexeneración do Carme, peonalización da calzada da Ponte...), nunha cidade máis ecolóxica (renaturalización dos espazos e creación de novas áreas verdes), referente no urbanismo sostible (Impulso Verde como edificio emblema e o deseño dos barrios sostibles do futuro), amable, funcional e integradora coa veciñanza de todas as idades (ascensores urbanos, peonalizacións, centros sociais interxeracionais, parques...) cun casco histórico continuo, camiñable e con diversidade de usos (peonalización integral do casco histórico e melloras na súa contorna) que impulsa a participación cidadá (Muramiñae Rehabilita) e fomenta o turismo sostible (coas Caldas do Miño e a Fábrica da Luz como algún dos proxectos claves)”, explicou Alvarellos.
Estas actuacións están a situar a Lugo como “un referente non só a nivel galego, senón tamén español e europeo, no ámbito do desenvolvemento sostible e a loita contra o cambio climático”, engadiu a alcaldesa, quen explicou que a finalidade do goberno local é “acadar un Lugo con baixos niveis de contaminación, abundantes espazos naturais para goce dos seus habitantes, baixas emisións de gases efecto invernadoiro e cun crecemento urbanístico baseado en edificacións bioclimáticas e sostibles, e onde os cidadáns teñan unha importante vocación de respecto medio ambiental”.