Lugo presenta o arrepiante programa de Samaín

LugoXa
A concellería de Xuventude organizará un arrepiante rastrexo nocturno o vindeiro martes, día 31 de outubro, para celebrar o Samaín na contorna do Centro Histórico de Lugo.
programa samain lugo xuventude
23 Oct 2023

A concellería de Xuventude organizará un arrepiante rastrexo nocturno o vindeiro martes, día 31 de outubro, para celebrar o Samaín na contorna do Centro Histórico de Lugo. A iniciativa está dirixida á mocidade lucense de entre 14 e 35 anos, tal e como avanzou o edil responsable da área, Jorge Bustos, quen subliñou que “a actividade proposta consiste nun rastrexo nocturno de terror, un xogo por equipos onde cada grupo participante debe superar unha serie de probas e desafíos terroríficos”.

A actividade comezará ás 21:00 horas na Praza Horta do Seminario coa posta en escena dun monitor/a caracterizado que, a través dun fío condutor, presenta a historia e o obxectivo do xogo, así como as normas do mesmo que se estruturá en grupos de 4-5 persoas, cun máximo de 70 participantes, previa inscrición. No inicio e presentación do rastrexo, facilitaráselle a cada grupo un “kit de supervivencia” composto por mapa, instrucións, as normas polas que deben rexerse e unha tarxeta de control.

“En cada punto do itinerario previsto haberá un personaxe que portará un obxecto que as e os participantes precisan conseguir a través da consecución da proba proposta, se a superan obterán o obxecto máis a súa sinatura coa que deberán cumprimentar a ficha de control”, explicou Bustos, quen detallou que “a finalidade do xogo será superar todos os retos obtendo así todos os obxectos precisos, no menor tempo posible, o que determinará o equipo gañador da iniciativa”.

E unha vez finalizada a actividade, haberá unha chocolatada para todos os asistentes.

O edil explicou, así mesmo, que a programación municipal destinada á mocidade lucense comezará xa este xoves 26 co obradoiro de cociña Recetas de Samaín, que terá continuidade o día 2 de novembro baixo o título Día dos mortos: benvidos a México, no mercado municipal de Quiroga Ballesteros.

Todas as actividades serán de balde pero resulta preciso inscribirse a través da web.

Esta non será a única área do Goberno local que festexe esta celebración xa que, cun carácter transversal, o Samaín terá programación noutras concellerías como pode ser a de Cohesión Social onde as crianzas usuarias do Aprende Xogando gozarán nestes días de actividades específicas sobre esta temática cun carácter lúdico que comprende obradoiros con materiais de refugallo, a propia decoración da aula e mesmo xogos tradicionais “cun toque de medo” e unha festa temática que terá lugar o día 31 na ocioteca.

0.11495685577393