Lugo presenta o ciclo ‘Tarde e Tardiña’ con espectáculos infantís e familiares para os xoves de xullo

A concelleira de Cultura, Turismo e Promoción da Lingua, Maite Ferreiro, vén de anunciar a programación cultural que animará as tardes do verán con unha nova edición do ciclo Tarde e Tardiña, unha proposta dirixida a público infantil e familiar que se desenvolverá nas prazas do centro da cidade.
Segundo explicou Ferreiro, trátase dunha serie de espectáculos de música, teatro e narración oral que terán lugar os xoves pola tarde, ás 18:00 horas, na praza Anxo Fernández Gómez. A programación comezará o vindeiro 3 de xullo cun total de cinco espectáculos a cargo de compañías galegas e estatais, dous deles recoñecidos con importantes premios a nivel autonómico.
Ferreiro destacou que con esta iniciativa "seguimos traballando en traer a Lugo propostas culturais de calidade e para todos os públicos", e avanzou tamén que nos próximos días se presentará unha nova edición do festival de poesía Versos na Barraca, que converterá un ano máis a praza da Mosqueira no epicentro da lírica galega durante o verán.
ESPECTÁCULOS
O programa arranca o 3 de xullo con “Llar”, do artista Federico Menini, unha proposta premiada nos galardóns IVC das Artes Escénicas Valencianas que mestura arquitectura, circo e humor arredor da construción dun fogar.
O día 10 chegará “Pausa” de niMú, un espectáculo poético e cheo de improvisación protagonizado por unha pallasa acompañada por música de violonchelo en directo.
O 17 será a quenda de “Circo Cambache”, unha traxicomedia onde Kike Castro revive a memoria do seu antigo circo familiar sobre un fío de funambulismo emocional.
O día 24 representarase “Glamping”, da compañía SU.MA, unha peza de teatro xestual, acrobacias e clown que reflexiona sobre a convivencia e as relacións humanas nun campamento.
Por último, o 31 de xullo, Pistacatro porá o broche co espectáculo “Sen Patrón”, onde tres malabaristas se enfrontan ao caos e ao humor nun xogo escénico cheo de ritmo e desafíos compartidos.