Lugo presenta un programa multidisciplinar para conmemorar o 8M con actividades sociais, educativas e deportivas

LugoXa
O Concello reivindica a igualdade real e efectiva cunha axenda que inclúe recoñecementos, charlas, obradoiros, propostas infantís e probas deportivas
Presentación-Programa-8M-Concello-de-Lugo-2026
4 Mar 2026

A área de Muller, Igualdade e Inclusión do Concello de Lugo pechou a programación con motivo do 8M, Día Internacional da Muller, cunha axenda diversa que integra iniciativas sociais, formativas, deportivas e lúdicas para defender desde distintos ámbitos a igualdade real e efectiva entre mulleres e homes.

A programación arrancará o venres 6 coa entrega do XXII Premio Entre Mulleres, que nesta edición será concedido a título póstumo á exalcaldesa Paula Alvarellos. O acto celebrarase ás 17:00 horas no salón de plenos do Concello e estará cargado de simbolismo, xa que, segundo explicou Novo, ademais de recoñecer a traxectoria de Alvarellos na defensa da igualdade, servirá como punto de partida para o resto de actividades conmemorativas.

Desde ese mesmo día e ata o 16 de marzo, a Mosqueira e a Praza Maior lucirán iluminadas co logotipo de Mulleres con Forza, marca municipal que reforza a visibilidade do Día Internacional da Muller na cidade.

O Concello conta ademais coa colaboración da Asociación de Mulleres Empresarias da Provincia de Lugo, AELU, para desenvolver o obradoiro ‘Alquimia Feminina’, centrado no autocoidado en distintas dimensións da saúde feminina. A actividade, gratuíta e con 15 prazas, celebrarase o día 12 no CEI Nodus, entre as 16:00 e as 20:00 horas, e requirirá inscrición previa no correo igualdade@lugo.gal. Tamén en colaboración con AELU organizarase un encontro de networking para empresarias o martes 17 de marzo, desde as 18:00 horas, no edificio Impulso Verde.

A Deputación de Lugo participa igualmente na programación con dúas charlas. O 11 de marzo, ás 19:00 horas no seu salón de actos, presentarase o libro ‘El cuarto vértice’, de Carlos Moreno Lugrís, unha obra que recrea o encontro entre Maruja Mallo e Marina Méndez para repasar a traxectoria da artista ao longo do século XX e visibilizar o acoso moral sufrido por moitas mulleres antes da democracia. O 13 de marzo, á mesma hora e tamén na Deputación, celebrarase a conferencia de Patricia Campos Doménech co seu proxecto ‘Vuela conmigo’. A ex piloto das Forzas Armadas, primeira muller en pilotar un reactor militar no Exército do Aire, exporá a súa experiencia como exemplo de superación en ámbitos tradicionalmente masculinizados.

A saúde feminina tamén terá protagonismo cun obradoiro sobre solo pélvico impartido pola fisioterapeuta Patricia Pontón o 27 de marzo, entre as 18:00 e as 20:00 horas, no centro de convivencia Uxío Novoneyra, con inscrición previa en cmuller@lugo.gal.

O programa inclúe así mesmo actividades para a infancia como o ciclo ‘Os martes: contos para a igualdade’, os días 10, 17 e 24, con espectáculos no Museo Interactivo da Historia de Lugo e no centro de convivencia Maruja Mallo, a cargo de artistas como Jara Ortiz, Esperanza Mara e Vero Rilo.

O deporte será outro dos eixos da conmemoración grazas á colaboración da Concellería de Deportes coa carreira Corre con Elas, integrada no circuíto municipal Corre con Nós e prevista para o 22 de marzo no barrio de San Fiz, coa participación de atletas de todas as categorías.

0.12516808509827