Lugo será a Capital da Cultura do Eixo Atlántico 2023
Lugo será a Capital da Cultura do Eixo Atlántico en 2023, recollendo o relevo de Braga. Así o acordaron hoxe por unanimidade os concellos de Galicia e do norte de Portugal da entidade transfronteiriza tras valorar a candidatura presentada nunha reunión en Guimaraes presidida polo secretario xeral do Eixo, Xoán Vázquez Mao.
A alcaldesa agradeceu o apoio dos municipios e avanzou que “a elección de Lugo como sede situaranos no mapa cultural internacional o vindeiro ano e será unha fiestra aberta a riqueza cultural da eurorrexión”. Subliñou que “dende o Concello apostamos pola cultura como un dos elementos decisivos no desenvolvemento social, económico e de identidade do municipio, a través do deseño de políticas culturais, diversas e plurais e que fomenten a capacidade creativa local, en sintonía coa nosa estratexia de cidade sostible”.
A vicepresidenta da Deputación de Lugo e concelleira de Cultura do Concello de Lugo, Maite Ferreiro, valorou como unha gran nova a elección de Lugo como Capital da Cultura do Eixo Atlántico en 2023.
A proposta de Lugo, presentada pola concelleira de Desenvolvemento Local e Emprego Ana González Abelleira, aprobouse por unanimidade dos representantes das municipalidades e das administracións da Eurorrexión presentes no encontro, celebrado na Sala de Conferencias do Centro Internacional para as Artes José de Guimaraes.
Maite Ferreiro destacou que esta capitalidade cultural “converterá Lugo no centro da actividade cultural de Galiza e do Norte de Portugal, reafirmando a aposta que o goberno local ven facendo pola cultura, cunha programación estable e variada, e afondando na relación e no intercambio entre a comunidade artística galega e portuguesa unidas polo idioma e a cultura”.
Durante a súa intervención na xuntanza do GT Educación e Cultura, na representación da Deputación de Lugo e referíndose tamén a súa responsabilidade na área de Cultura do Concello de Lugo, Maite Ferreiro respaldou a candidatura de Lugo, poñendo en valor “o traballo que se ven facendo no ámbito cultural con programacións estables e apoio á creatividade local” e fixo fincapé “nos lazos que se veñen tecendo co norte de Portugal acollendo propostas escénicas e musicais de creación portuguesa tanto na programación municipal como da institución provincial que, entre outras iniciativas, apoia a organización de obradoiros de portugués en centros educativos”.
A candidatura de Lugo presentouse vinculada a unha proposta artellada arredor dos recursos patrimoniais e históricos da cidade, dunha axenda cultural estable e diversa e do talento artístico local, que se pechará coas achegas que as entidades socias do Eixo Atlántico queiran realizar nos vindeiros días.
Entre outros espazos e eventos culturais, o proxecto presentado polo goberno local pon en valor os centros culturais da Deputación de Lugo na cidade, como o Museo Provincial de Lugo, a Sala de Exposicións da Capela de Santa María e o Centro de Artesanía e Deseño.
A programación desenvolverase dende marzo a novembro e contempla non só as distintas disciplinas artísticas senón tamén unha ampla variedade de eventos, dende mostras de teatro, cine a concertos, festivais de arte urbáns e exposicións, así como actividades infantís e certames gastronómicos, entre outras propostas, que se irán concretando da man dos concellos do Eixo Atlántico. Tamén incluirá actividades xa consolidadas na cidade como o Arde Lvcvs Cultural, o Festival Internacional de Jazz ou o Caudal Fest.
Por outra banda, o Concello de Lugo dedicará ao Eixo Atlántico unha praza emblemática da cidade, na que recentemente se instalou a Fonte das Lavandeiras, a carón da Praza Viana do Castelo, onde quedará plasmada, así mesmo, a través dun mural de arte urbano, a unión dos pobos que conforman a Eurorrexión.
A iniciativa Capital da Cultura do Eixo Atlántico, de carácter bianual, naceu en 2007 co obxectivo de potenciar todas as manifestacións culturais nas cidades da Eurorrexión e reforzar os lazos culturais entre Galiza e o Norte de Portugal. Vilanova de Gaia, Viana do Castelo, Ourense, Matosinhos, Santa María da Feira ou Braga foron elixidas capitais culturais nas últimas edicións.