Lugo programa actividades para axudar aos maiores a desconectar da covid

LugoXa
O Concello pon en marcha un programa co fin de ofrecerlles aos maiores alternativas saudables e de ocio en espazos abertos e ao aire libre.
muller maior ancia
1 Apr 2021

O Concello de Lugo vén de presentar un programa de actividades dirixidas aos maiores do municipio, co fin de ofrecerlles alternativas saudables e de ocio en espazos abertos e ao aire libre. 'Lugo móvese cos maiores' anímaos a realizar exercicio físico, como xeito para manter o corpo e a mente ocupados e desconectar da pandemia que nos está a afectar a todos.

“É importante que as persoas de máis idade desenvolvan actividades físicas e combatan o sedentarismo e a soidade, ao mesmo tempo que poidan socializar, e que o fagan en contornas seguras, porque son moitos os que levan meses con medo a saír das casas, e iso aféctalles tanto na súa saúde física como mental”, explica a concelleira de Benestar, Inclusión e Terceira Idade, Olga López Racamonde.

O Concello lucense pon en marcha este programa, despois de analizar as necesidades e demandas do colectivo de maiores do municipio. As actividades comezarán o vindeiro luns, día 5 de abril, e manteranse ata o 31 de maio. Segundo explica a edil responsable, "trátase de rutas guiadas e actividades de ximnasia na prazas e parques da nosa cidade, en pequenos grupos e sempre guiadas por monitores do servizo de animación”.

As actividades deportivas -ximnasia, aerobic e movementos de relaxación, entre outras- impartiranse os luns e mércores
nas prazas das Illas (en Montirón),  da Milagrosa, do Exército Español (na Fonte dos Ranchos), da Igrexa (no Sagrado Corazón) e na Praza Roxa (en Fingoi). Os martes e xoves será o turno da Praza Maior, a Horta do Seminario, Praza do Castiñeiro, Praza de Viana do Castelo e Augas Férreas. Desenvolveranse en horario de 17.00 a 18.00 horas.

RUTAS GUIADAS

Programáronse tamén catro rutas guiadas pola cidade, que se levarán a cabo os venres, cada 15 días. Os roteiros sairán desde a Praza Maior, ás 12.00 horas, e terán unha duración aproximada dunha hora e media. Ademais do percorrido pola cidade, a ruta do 16 de abril visitará a Domus do Mitreo, a do 30 de abril, Porta Miñá; a do 14 de maio, o Museo Interactivo da Historia de Lugo (MIHL); e a do 28 de maio, o Vello Cárcere.


Warning: Trying to access array offset on value of type null in /var/www/vhosts/editorialtristram.es/httpdocs/wp-content/themes/plosa/stats/stats_chatgpt.php on line 634

Warning: Trying to access array offset on value of type null in /var/www/vhosts/editorialtristram.es/httpdocs/wp-content/themes/plosa/stats/stats_chatgpt.php on line 635
0.18191719055176