Lugo promociona a cidade amurallada en FITUR con dúas campañas turísticas diferenciadas

O goberno local de Lugo presentou en FITUR dúas propostas diferenciadas para poñer en valor a cidade amurallada. A concelleira de Cultura, Turismo e Promoción da Lingua, do BNG, Maite Ferreiro, desprazouse ata a feira para promocionar Lugo e os seus atractivos turísticos. Ferreiro destacou que, un ano máis, “o obxectivo deste ano é seguir amosándolle ao mundo Lugo e os seus valores paisaxísticos, gastronómicos e culturais e convidar a visitantes de todo o planeta a descubrilo con nós”.
A campaña que encabezou, titulada 'Lugo é o match', céntrase non só no potencial da cidade, senón tamén na calidade das salas museísticas lucenses, tanto municipais como dependentes doutras administracións, como o Museo Provincial ou a Domus do Mitreo. Ferreiro sinalou que Lugo combina patrimonio histórico, contorna natural e unha oferta gastronómica recoñecida, cun tamaño e ritmo que permiten desfrutala sen présa, sendo un destino idóneo tanto para desconectar como para vivir experiencias auténticas con plans culturais, tradición viva e unha conexión directa coa paisaxe e a identidade galega. Ademais, anunciou que no vindeiro agosto Lugo será unha das mellores localizacións de Galicia e do mundo para observar o eclipse solar, converténdose nun punto de interese singular para visitantes que buscan escapadas diferentes e ben situadas.
Pola súa banda, o alcalde de Lugo, Miguel Fernández, do PSOE, presentou a campaña 'Lugo, un encontro coa historia', centrada no patrimonio lucense e na riqueza paisaxística, gastronómica e cultural da cidade. Nesta proposta ten especial protagonismo o Arde Lvcvs, a festa de recreación histórica que cumpre 25 edicións. Segundo explicou o rexedor, a campaña busca afianzar a internacionalización deste evento, non só como referente europeo das festas de recreación histórica, senón como espazo vivo de memoria e proxección da cidade.
Fernández destacou a importancia da implicación da cidadanía, das asociacións de recreación histórica, dos colectivos sociais, dos colexios e do tecido empresarial, así como a participación de lexións e colectivos doutros puntos de España e Europa, o que favorece o continuo crecemento da festa. O Arde Lvcvs foi o protagonista principal da campaña lucense, evidenciado co vídeo que pechou a intervención do alcalde, xerando gran expectación e eloxios. Este vídeo servirá para promover a festa e a cidade en futuras accións de internacionalización, como a presenza de Lugo na feira BTL de Lisboa ou a celebración da Asamblea Nacional da Asociación Española de Fiestas de Recreación Histórica, con representantes de máis de 60 eventos similares.
O alcalde tamén resaltou que o Arde Lvcvs permite sumergirse nunha auténtica urbe romana, percorrer o único adarve e recinto amurallado completo que se conserva do imperio, coñecer a cultura castrexa e romana, os oficios artesanais da época, os campamentos militares das lexións e os pobos galaicos, ofrecendo unha viaxe ao pasado como espazo vivo de memoria e proxección da cidade. Ademais, recordou reclamos internacionais como a muralla, a catedral e o Camiño Primitivo, que se suman á celebración cargada de historia, arte, lendas, antigas civilizacións, batallas, conquistas e cultura.
Miguel Fernández concluíu invitando a visitar Lugo para descubrir a cidade e empaparse da cultura romana e castrexa, aínda que sexa por uns días, dando paso ao novo vídeo do Arde Lvcvs, que promocionará a festa que do 18 ao 21 de xuño alcanzará o seu cuarto de século. Na presentación participaron tamén asociacións de recreación histórica como Saleciani Luci Augusti, Kertix, Senatus Lucus Augusti e Lugdunum, xunto co edil responsable desta festa, Jorge Bustos, do área de Xuventude.