Durante a presentación, Ferreiro destacou que "volvemos un ano máis a FITUR para ensinar ao mundo a nosa riqueza cultural e patrimonial, a nosa hospitalidade e os nosos atractivos únicos", engadindo que "a unión de todos estes aspectos fai de Lugo un destino inesquecible para aquelas persoas que nos visitan".
No acto, Maite Ferreiro sinalou que 2025 será un ano especial para Lugo, xa que se celebran 25 anos da declaración da Muralla como Patrimonio da Humanidade e 10 anos desde o recoñecemento do Camiño Primitivo coa mesma distinción. "Estamos preparadas para celebralo como merece e seguiremos insistindo na nosa idea de que Lugo debe seguir sendo a cidade viva que construímos entre todas e todos", afirmou a concelleira.
LUGO, PUNTO DE PARTIDA
Ferreiro subliñou que Lugo pode ser o punto de partida ideal para descubrir Galicia en profundidade. "Temos a sorte de estar situados a menos de 100 quilómetros de lugares emblemáticos e representativos da nosa terra, polo que podemos ser a base de operacións perfecta para explorar Galicia ao completo", explicou.
A concelleira presentou o concepto 'Lugo Km100', unha proposta que posiciona a cidade como o inicio dunha experiencia única na rexión. "Lugo é o punto onde todo comeza e o fío que une un sen fin de vivencias", engadiu, destacando que esta estratexia aposta por un turismo de proximidade, responsable e de calidade.
Maite Ferreiro afirmou que "o máis difícil xa está feito", referíndose ao crecemento do recoñecemento de Lugo como destino turístico relevante. "Lugo xa non é ese gran descoñecido. Cada vez está máis presente na mente das persoas, e aquelas que nos visitan, non nos esquecen", asegurou. A pesar diso, sinalou que queda traballo por facer: "Hai que seguir avanzando para converter a nosa cidade nun lugar ao que sempre se queira volver para descubrir os seus tesouros".
Na súa intervención, a concelleira de Cultura e Turismo fixo un chamamento a visitar a cidade: "Agardámosvos cos brazos abertos e cun sorriso. Lugo é unha cidade chea de vida, moderna, acolledora e cálida, preparada para recibir a todas as persoas que nos visiten". Ferreiro concluíu afirmando: "Tratarémosvos da mellor maneira posible e acompañarémosvos mentres descubrides Galicia".