Lugo promove a iniciación á micoloxía con un curso no Impulso Verde e bosques da contorna

A área de Transición Ecolóxica do Concello de Lugo organiza este sábado, día 8, un curso de iniciación á micoloxía que combinará unha sesión teórica no edificio Impulso Verde e unha saída práctica por bosques próximos á cidade.
A iniciativa, realizada en colaboración coa Sociedade Micolóxica Lucus, ten como finalidade fomentar o coñecemento e o respecto polo medio ambiente, achegando á cidadanía aos fungos e ao seu papel no ecosistema.
O programa comezará ás 10.00 horas cunha parte teórica no Impulso Verde, onde se abordarán aspectos como a nutrición dos fungos, a súa clasificación, o cultivo, as características dos cogomelos e a identificación de especies comestibles. Ás 11.30 horas iniciarase a saída ao campo, cun percorrido duns dous horas para observar os cogomelos no seu hábitat natural e aprender técnicas sostibles de recollida, así como a normativa vixente sobre o aproveitamento micolóxico.
O curso é gratuíto, mais precisa inscrición previa a través do 010 ata completar as 35 prazas dispoñibles. A parte teórica contará con proxección audiovisual e será impartida por especialistas da Sociedade Micolóxica Lucus, colectivo cun amplo coñecemento da Reserva da Biosfera Terras do Miño, espazo que centrará boa parte das explicacións pola súa riqueza natural.
Durante a saída práctica, as persoas participantes poderán identificar especies e aprender a recoñecer características chave para evitar riscos, prestando especial atención á prevención de intoxicacións por consumo de cogomelos. Ademais, trataranse cuestións vinculadas ao respecto polo medio natural e pola normativa, co obxectivo de fomentar prácticas responsables no monte.
A Sociedade Micolóxica Lucus, fundada en 2001, destaca polo seu labor divulgativo e formativo no ámbito da micoloxía e do medio ambiente. Forma parte desde 2012 do Órgano de Participación da Reserva da Biosfera Terras do Miño e desenvolve anualmente un amplo programa de actividades pola provincia, polo que a súa experiencia será un valor engadido para as persoas asistentes.