Lugo promove unhas xornadas de lecer saudable para familias dentro do programa +XTi

O Concello de Lugo, a través da Concellería de Xuventude e coa colaboración do Plan Nacional sobre Drogas, pon en marcha esta semana as xornadas Ocio con familias, unha das citas centrais da programación de verán do programa +XTi.
As sesións terán lugar os domingos 17, 24 e 31 de agosto, entre as 11:00 e as 21:00 horas, en tres contornas naturais diferentes: o 17 no Paseo do Río Miño, na zona traseira do Pazo de Feiras; o 24 no Paseo do Río Rato, no merendeiro; e o 31 no parque de Frigsa, na zona axardinada situada detrás da Casa da Muller.
O concelleiro de Xuventude, Jorge Bustos, explicou que o obxectivo desta iniciativa é “ofrecer ás familias lucenses un espazo de encontro no que compartir tempo de calidade e descubrir alternativas de lecer saudables e accesibles”.
Cada xornada comezará cunha recepción e rexistro de participantes, con entrega de gorras e material, e contará con música ambiental durante todo o día.
O programa incluirá unha charla sobre prevención de adiccións a cargo do psicólogo Denis Fernández Varcalcel, dinámicas interxeracionais e interculturais, un picnic saudable con xogos de sobremesa, unha olimpíada colaborativa con circuito de probas en familia, un obradoiro de coctelería sen alcohol e unha sesión de ioga e danzaterapia guiada por Eva de la Torre, antes da entrega de premios.
Bustos destacou que esta proposta busca “reforzar os vínculos interxeracionais e poñer en valor a convivencia como elemento esencial do benestar familiar”, ao tempo que subliñou que “todo o programa está deseñado para que as familias desfruten xuntas, independentemente da idade dos seus membros, fomentando a creatividade, a cooperación e hábitos de vida saudables”.
A actividade está dirixida a familias lucenses e conta cun aforo máximo de 20 grupos por día, formados por entre 2 e 5 persoas. A participación é por orde de chegada e inclúe comida gratuíta.