Lugo propón o Pazo de Feiras e Congresos como sede da Axencia Estatal de Saúde Pública

O Concello de Lugo avanza na súa candidatura para acoller a Axencia Estatal de Saúde Pública (AESAP), propondo o Pazo de Feiras e Congresos como sede idónea para albergar o organismo, nun proceso que se desenvolverá conforme ao procedemento establecido polo Goberno do Estado. En paralelo, o Goberno local tramita formalmente o apoio do Consello da Xunta de Galicia, un factor que se valora positivamente dentro do proceso de selección.
O Pazo de Feiras e Congresos reúne condicións especialmente axeitadas para acoller a Axencia, cunha superficie de 27.000 metros cadrados, dous pavillóns diáfanos, oficinas, salas polivalentes, centro de negocios, un salón de actos para máis de 500 persoas e amplos espazos de formación e reunión. Ademais, conta con accesos cómodos, aparcadoiro e unha localización estratéxica á beira do río Miño, o que facilita a posta en marcha inmediata das actividades da Axencia.
O Concello de Lugo destaca o papel do Patronato da Fundación Feiras e Exposicións, integrado por representantes de todas as institucións e axentes clave do territorio —Xunta de Galicia, Deputación, Concello e Confederación de Empresarios—, como un órgano privilexiado para reforzar o consenso arredor dunha candidatura que busca ser de cidade, de provincia e de país galego.
A candidatura pretende construír unha proposta sólida e rigorosa, aliñada cos criterios técnicos esixidos e co máximo respaldo institucional e social, xerando consenso entre todas as partes implicadas. Segundo o Concello, a localización da AESAP en Lugo podería xerar arredor de 300 postos de traballo cualificado, impulsar a actividade económica inducida, atraer talento e consolidar a cidade como referente en saúde pública, investigación e innovación en Galicia.
O alcalde de Lugo, Miguel Fernández, subliñou que esta iniciativa representa “unha oportunidade histórica para xerar emprego estable, atraer talento e reforzar o papel de Lugo como cidade de servizos avanzados”, e reafirmou a vontade do Concello de liderar o proceso con responsabilidade, diálogo e ambición colectiva.