Lugo proxecta unha pasarela peonil para unir os parques Rosalía de Castro e Marcos Cela

LugoXa
A iniciativa busca recuperar antigos camiños tradicionais e crear un corredor peonil este-oeste entre Fontiñas e o río, con previsión de execución en 2026
proxecto-pasarela-Parque-de-Rosalía-e-Parque-Marcos-Cela-Lugo
23 May 2025

Veñen de presentar o proxecto da Tenencia de Alcaldía do Concello de Lugo co que queren unir o Parque Rosalía de Castro co Parque Marcos Cela a través dunha pasarela peonil.

Rubén Arroxo afirmou que "é un proxecto interesante e con grande potencial para avanzar cara a unha cidade máis camiñable, creando un novo espazo peonil entre dúas zonas moi importantes da cidade" e lembrou que esta proposta foi aprobada en pleno no ano 2018 a iniciativa do Grupo Municipal do BNG, unha iniciativa que contou con 24 votos a favor e 1 voto en contra.

Así, esta proposta consistía en poder unir, facendo un paso peonil, a explanada das costas do parque co entorno do parque Marcos Cela. "Estas costas do parque estaban conectadas directamente co río a través de camiños tradicionais que, cando se fixo a ronda República Arxentina, se perderon, e con esta pasarela se recuperaría ese concepto de unir o Parque co Río de xeito peonil", explicou Arroxo.

Así, explicou que se está a elaborar un estudo de viabilidade para atopar a mellor alternativa, que "suporía a construción dunha pasarela que que comezaría preto do aparcadoiro de autocaravanas do Parque de Rosalía e desembocaría ao comezo do Parque Marcos Cela.

A Tenencia de Alcaldía planifica poder comezar a elaborar o proxecto a finais do verán, co obxectivo de que esta intervención se materialice no ano 2026. "A idea é que, unha vez valorado o custo, se poida incluír no orzamento do ano 2026 para executalo ese ano", explicou Arroxo.

POSIBILIDADES DA PASARELA

Esta alternativa permitiría salvar o espazo que crea a ronda República Arxentina. "Se estás na outra beirarrúa, non tes forma de cruzar máis que no cruzamento da rúa Santiago ou no cruce con Pintor Corredoira", declarou Arroxo, que engadiu que "buscamos crear unha zona que podería servir non só para unir os parques, senón tamén para os residentes deste entorno, salvando a barreira que hai entre as dúas zonas".

Para Arroxo, "isto tería un concepto importante a nivel cidade, ao igual que a peonalización da rúa Milagrosa, buscando crear un corredor peonil norte-sur de case 3 km entre Milagrosa e praza de Bretaña, con isto, queremos crear tamén un corredor leste-oeste que nacería na praza do Camiño Primitivo, en Fontiñas, subiría por Carril das Flores, que vai ser peonil, continuaría pola Mosqueira, continuando pola Ronda da Muralla entrando en Recatelo a través do Carril dos Loureiros".

O percorrido continuaría ou atravesando o barrio de Recatelo, ou polo novo Muro de Frei Plácido Rei Lemos, "e aquí teriamos a pasarela que nos permitiría cruzar cara a Magoi ou ao parque Marcos Cela, tamén por un espazo peonil", dixo Arroxo, que afirmou que esta alternativa creará un espazo "practicamente peonil" entre Fontiñas e o Río.

⚙ Configurar cookies
0.18530082702637