Lugo proxectará a marca lucense 'Mulleres con Forza' nos seus espazos emblemáticos
O Concello de Lugo reivindicará estas próximas semanas o feminismo e a igualdade para conmemorar o Día da Muller.
Os actos arrincarán xa mañá coa proxección da marca lucense Mulleres con Forza na Porta Bispo Aguirre da Muralla e na Praza Maior, diante da Casa Consistorial, que se tinguirá de morado, unha iluminación que se manterá até o vindeiro domingo, día 13.
Os espazos emblemáticos da cidade son o mellor escenario para difundir unha mensaxe de defensa do feminismo e da igualdade entre homes e mulleres durante todo o ano.
A programación deseñada foi pensada para chegar a todos os públicos en diferentes segmentos de idade,polo que se inclúen propostas variadas de gran calado artístico como espectáculos teatrais, musicais e mesmo exposicións, apostando pola concienciación e a sensibilización a través da actividade lúdica.
Así, dentro das actividades, que serán seguras e se desenvolverán respectando todas as medidas sanitarias aínda en vigor, a veciñanza lucense poderá desfrutar xa este sábado, 5 de marzo, da intervención teatral Quen ocupa esa cadeira? Especial Mulleres, de Escola Palimoco Teatro e Danza, que terá lugar na Praza Maior (12:00 a 14:00 horas) e coa que se pretende achegar a realidade feminina a través dunha escolma de textos de mulleres. A asistencia é libre.