Estudantes de intercambio Erasmus do IES Virxe dos Ollos Grandes foron recibidos no Concello

A alcaldesa de Lugo, Paula Alvarellos, e a concelleira de Muller, Igualdade e Inclusión Social, Ángeles Novo, deron a benvida a un grupo de estudantes de primeiro de Bacharelato do IES Virxe dos Ollos Grandes.
Entre eles había varios alumnos e alumnas procedentes de Francia, Italia e Lituania, que estes días visitan Lugo como parte do intercambio do programa Erasmus, impulsado polo instituto do Feminino.
Durante a recepción, Paula Alvarellos destacou algunhas das singularidades que distinguen á cidade de Lugo, como a presenza de tres Patrimonios da Humanidade, as festas locais e a rica gastronomía. "Agardo que durante a vosa estadía podades descubrir todo o que ofrece esta cidade, que ademais se caracteriza por ser moi acolledora", afirmou a alcaldesa.
Antes de rematar a recepción no salón de plenos e de convidar aos estudantes a saír ao balcón da Casa Consistorial, proxectouse o vídeo "Lugo, parte de teu camiño", un spot co que o municipio se presentou recentemente na Feira Internacional de Turismo, Fitur 2025.
O intercambio Erasmus ofrece aos estudantes a oportunidade de coñecer a cultura e as tradicións locais, ademais de estreitar lazos con outros mozos e mozas europeos. A visita dos alumnos internacionais é unha mostra máis do carácter acolledor de Lugo e da súa aposta polo intercambio cultural e educativo.