Lugo recibe máis de 27.000 euros para fortalecer os servizos sociais de infancia e mocidade

LugoXa
A concelleira Olga López Racamonde participa no congreso estatal de servizos sociais para coñecer proxectos e mellorar a protección infantil e adolescente
Olga-López-Racamonde-Congreso-nacional-servizos-sociais
14 Nov 2025

O Concello de Lugo contará cunha subvención do Ministerio de Derechos Sociales, Consumo y Agenda 2030 de máis de 27.000 euros para desenvolver durante o ano 2026 un programa centrado en iniciativas e proxectos que impulsen o dereito aos servizos sociais da infancia e da mocidade.

A concelleira de Cohesión Social, Olga López Racamonde, participou no XXXII Congreso Anual da AEDYGSS (Asociación Estatal de Directoras y Gerentes de Servicios Sociales), que este ano abordou o dereito aos servizos sociais da infancia e adolescencia, no marco da Lei Orgánica de Protección Integral á Infancia e á Adolescencia fronte á Violencia (LOPIVI), aprobada en xuño de 2021.

A edil sinalou que o obxectivo é “por unha banda adquirir máis formación sobre as problemáticas ás que se enfrontan nenas, nenos e a mocidade, da man de expertos nestas materias, e por outra coñecer diferentes proxectos pilotos que se están a levar a cabo noutros concellos de España e que poderían implantarse en Lugo”.

López Racamonde explicou que tivo oportunidade de manter un encontro coa directora xeral de Diversidad Familiar y Servicios Sociales do Ministerio, Patricia Bezunartea, para tratar futuras iniciativas no municipio, tanto coa formación de profesionais como coa implantación de estratexias que permitan avanzar nas novas demandas da LOPIVI, reforzando a protección fronte a maltrato, violencia ou calquera conducta indebida.

Durante o congreso analizouse a efectividade dos dereitos á infancia e á adolescencia en España, así como a actualización dos coñecementos e servizos para axudar a estes colectivos. Tamén se reflexionou sobre os cambios de paradigma introducidos pola LOPIVI, facendo fincapé na garantía de dereitos, na detección temperá, na coordinación entre sistemas e na actuación de equipos interdisciplinares máis aló do ámbito familiar, en calquera entorno, desde o fogar e o colexio ata a comunidade ou o ámbito dixital.

⚙ Configurar cookies
0.049846172332764