Lugo recibe o recoñecemento como Destino Turístico Intelixente Adherido

O Concello de Lugo continúa vén de recibir o informe favorable de diagnóstico que o acredita como Destino Turístico Intelixente Adherido.
Este recoñecemento chega tras a avaliación realizada pola Sociedade Estatal para a Xestión da Innovación e as Tecnoloxías Turísticas (SEGITTUR), dependente da Secretaría de Estado de Turismo.
O diagnóstico, baseado na análise de 261 indicadores e 97 requisitos vinculados aos eixes de gobernanza, innovación, tecnoloxía, sostibilidade e accesibilidade, proporciona ao Concello unha folla de ruta clara para avanzar na implantación do modelo DTI.
Lugo únese así a un selecto grupo de destinos turísticos que apostan por unha xestión moderna, transversal e baseada na mellora continua. A visita técnica realizada pola delegación de SEGITTUR permitiu coñecer in situ os principais recursos turísticos do municipio e avaliar aspectos como a accesibilidade, a dixitalización e a sustentabilidade do destino.
O rexedor, Miguel Fernández, destacou que “este recoñecemento é unha mostra do bo traballo que estamos a facer para transformar Lugo nun destino máis intelixente, máis sostible e mellor preparado para os retos do turismo do futuro”. Engadiu ademais que “o modelo DTI permítenos avanzar cara a unha xestión máis eficiente e participativa, que mellora a experiencia de quen nos visita e a calidade de vida de quen vive aquí”.
Plan de Sostibilidade Turística "Et edendo Lucus"
Paralelamente, o Concello de Lugo está a executar o Plan de Sostibilidade Turística en Destino "Et edendo Lucus: Un percorrido histórico pola enogastronomía", financiado con 2 millóns de euros de fondos europeos Next Generation.
Este plan contempla un total de 14 actuacións destinadas á posta en valor dos recursos e á creación de produtos turísticos arredor da enogastronomía lucense.
Entre as accións máis destacadas atópanse a creación dun centro de enogastronomía na Fábrica da Luz. Este espazo combinará a posta en valor do patrimonio industrial con propostas innovadoras para a promoción dos produtos locais e a gastronomía como atractivo turístico; ou a aceleradora Turística TurisTalent 5.0, a única aceleradora do ámbito turístico actualmente en Galicia.
Este programa, que terá a súa sede no edificio Impulso Verde, está destinado a impulsar proxectos emprendedores e innovadores no sector turístico e enogastronómico lucense. A aceleradora desenvolverase ao longo de nove meses e incluirá formación especializada, asesoramento técnico e apoio na consecución de financiamento.