Lugo recibirá o Tourism Women Friendly pola visibilidade das mulleres castrexas no Arde Lucus

LugoXa
Lugo recibirá en FITUR el galardón Tourism Women Friendly por la visibilización de las mujeres castrexas en el Arde Lucus.
Foto de arquivo do Arde Lvcvs
19 Jan 2022

O Concello de Lugo recibirá na Feira Internacional de Turismo, FITUR 2022, que se celebra en Madrid dende hoxe 19 ao 23 deste mes, o galardón Tourism Women Friendly, promovido pola organización Mujeres para el Diálogo y la Educación (MDE), pola visibilización das castrexas no Arde Lvcvs e o protagonismo das mulleres nesta festa de recreación histórica. Trátase da terceira edición destes premios cuxo obxectivo é estimular os produtos relacionados coas mulleres e o turismo, facilitarlles e mellorar a súa vida nas viaxes, así como darlles visibilidade.

O xurado, reunido no día de onte, valorou, por unha banda, o papel que as castrexas tiveron hai 2.000 anos na defensa pacífica da súa terra dominada entón polos romanos e, por outro, na época actual, o protagonismo das mulleres na celebración da recreación histórica Arde Lvcvs, con catro asociacións formadas integramente por mulleres e unha presenza e participación superior ao 40% en todas as celebracións.

Neste senso, a rexedora destacou que “é unha honra recibir este galardón, pois significa que o Arde Lvcvs segue a crecer, tendo cada vez máis visibilidade fóra das nosas fronteiras, e o fai, ademais, contribuíndo a poñer en valor e dar a coñecer o papel das mulleres na historia da nosa cidade”.

O Concello recibirá este premio dentro da categoría “Destino”, na que participaron numerosas cidades, pobos, localidades, festas e roteiros que teñen un trazo distintivo cara ás mulleres. A outra categoría á que se pode optar é a de “Experiencia”, na que participan aloxamentos (hoteis, apartamentos, cámpings, etc.), axencias de viaxes, restaurantes, transportes, e outras actividades que contribúan a facilitar a vida das mulleres nas viaxes.

Mujeres para el Diálogo y la Educación (MDE) é unha organización que promove a igualdade de oportunidades entre homes e mulleres. Neste 2022 convocou a terceira edición dos Premios Tourism Women Friendly, nas suas dúas categorías, uns galardóns únicos no seu xénero en España. Ambos premios serán entregados o vindeiro venres, 21 de xaneiro, ás 12:00 horas, no stand 7A27, do pavillón 7 de IFEMA.

0.094921112060547