Lugo recibiu aos representantes das sete cidades do Reino de Galicia para a Ofrenda ao Santístimo
A alcaldesa de Lugo, Paula Alvarellos, recibiu esta mañá no Concello de Lugo aos representantes da Coruña, Betanzos, Mondoñedo, Ourense, Santiago de Compostela e Tui, que xunto a Lugo son as sete cidades das antigas capitais do Reino de Galicia que realizan a Ofrenda ao Santísimo Sacramento. Unha vez recibidas as autoridades das distintas institucións públicas lucenses, galegas e nacionais e dos Corpos e Forzas de Seguridade do Estado, a Alcaldesa sinalou que “todas e todos os presentes estaremos de acordo en que esta cita xa trascendeu o mero feito relixioso que viviremos nuns momentos na Catedral de Lugo, para converterse non so en parte relevante e indisociable da historia de Galicia, senón en algo cando menos tan importante: nunha oportunidade de irmandade entre os galegos aquí representados na súa maior parte polas autoridades das distintas institucións e Concellos”.
Ademais, Alvarellos Fondo dixo sentirse “moi honrada por representar a todas e todos os lucenses neste acto e nunha ofrenda que moi pronto, grazas ao gran traballo do Bispado e deste Concello de Lugo, será declarada Ben de Interese Cultural, co que lograremos protexer ao máximo unha tradición instaurada na nosa cidade desde o ano 1669 por parte dos representantes das sete capitais do antigo Reino de Galicia”. Neste sentido insistiu en que “a catalogación desta celebración servirá para protexer este patrimonio inmaterial, pero tamén para afondar nun dos obxectivos deste Goberno Local, como é consolidar Lugo como un referente turístico a nivel peninsular pola súa riqueza histórica e patrimonial”.
Pola súa banda, o alcalde de Mondoñedo, Manuel Ángel Otero, como encargado de facer a ofrenda desta tradición con máis de 350 anos de antigüidade, pediu pola “cohesión social e porque o diálogo sexa o motor deste camiño, e a paz o obxectivo a conseguir, nuns momentos con moitos conflictos bélicos e sociais”.
Tras un concorrido acto de recepción no Concello de Lugo, as corporacións de Lugo e Mondoñedo, acompañadas do resto de autoridades partiron cara á Catedral para asistir á misa solemne e á ofrenda, e á posterior procesión pola praza Maior, que rematou de novo na Catedral.
O conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos, participou na Ofrenda do Antigo Reino de Galicia ao Santísimo Sacramento, onde salientou a “máxima protección” coa que conta este acto institucional e relixioso tras a incoación como Ben de Interese Cultural do patrimonio inmaterial publicada o pasado venres no Diario Oficial de Galicia.
Neste marco, o responsable de Cultura da Xunta, José López Campos, resaltou que os trámites para esta declaración están xustificados por tratarse dunha manifestación “sobranceira” da Comunidade e dunha das poucas tradicións vivas que “evocan a entidade política histórica de Galicia”. Ademais, valorou o feito de que se manteña de xeito ininterrompido durante máis de tres séculos e medio “reflectindo o carácter de unión do pobo galego” e que constitúe un “feito único” dentro das poucas manifestacións inmateriais vivas.
O presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, pola súa parte, destacou o valor histórico e relixioso desta ofrenda que se vén mantendo desde o ano 1925, e que representa a unión das cidades do Antigo Reino de Galicia. A Ofrenda ao Santísimo Sacramento celébrase en Lugo desde 1669, o domingo seguinte ao Corpus Christi, cando o Cabido Catedralicio pediu axuda ás cidades para manter a iluminación da Sagrada Forma no Altar Maior as 24 horas do día dos 365 días do ano.