Lugo recoñece a Paula Alvarellos co 'Premio Entre Mulleres' a título póstumo

LugoXa
O Concello entrega o galardón nun acto institucional no salón de plenos no que se destacou a súa traxectoria na defensa da igualdade e o seu compromiso coa sociedade lucense
Paula-Alvarellos-Premio-Entre-Mulleres
6 Mar 2026

O Concello de Lugo rendeu homenaxe á exalcaldesa e avogada Paula Alvarellos coa concesión, a título póstumo, do Premio “Entre Mulleres”, un recoñecemento ao seu compromiso e á súa loita pola igualdade. O acto de entrega celebrouse no salón de plenos e estivo presidido polo alcalde da cidade, Miguel Fernández, acompañado pola concelleira de Muller, Igualdade e Inclusión, Ángeles Novo.

Durante a cerimonia estiveron presentes familiares da homenaxeada, encargados de recoller o galardón, así como unha ampla representación das institucións provinciais e autonómicas, da Universidade de Santiago de Compostela e membros de todos os grupos políticos da Corporación municipal. No seu discurso, o rexedor destacou a figura de Alvarellos, á que definiu como unha persoa que defendeu a igualdade non só a través das palabras, senón tamén mediante a posta en marcha de políticas públicas e desde a responsabilidade social e institucional.

Miguel Fernández agradeceu tamén a presenza da familia da galardoada e lembrou o compromiso que mantivo coa igualdade ao longo de toda a súa vida. Segundo subliñou, Paula Alvarellos foi moito máis ca unha persoa implicada nesta causa, xa que mantivo unha profunda vinculación coa sociedade lucense, coa defensa das persoas máis vulnerables e cunha clara vocación de servizo público. O alcalde indicou que, con este recoñecemento, o Concello pretende poñer en valor esa traxectoria en favor da igualdade e preservar o legado que deixou.

No transcurso do acto correspondente á vixésimo segunda edición do Premio “Entre Mulleres” procedeuse tamén á lectura da acta do Foro de Igualdade celebrado no mes de febreiro, no que se acordou conceder o galardón a Paula Alvarellos Fondo. O documento recolleu o recoñecemento á súa implicación e ao traballo desenvolvido na promoción da igualdade, así como ao seu compromiso coa loita feminista e á pegada que deixou na sociedade lucense.

Pola súa parte, a concelleira de Muller, Igualdade e Inclusión destacou a capacidade de Paula Alvarellos para sumar esforzos nesta causa colectiva, un labor que, segundo lembrou, exerceu con valentía e sacrificio ata o final da súa vida.

O acto institucional concluíu coa entrega aos familiares dun ramo de flores, da insignia do 8M de Mulleres con Forza e dunha figura de Rosalía elaborada por Sargadelos.

0.12047505378723