O Goberno local de Lugo reforza a limpeza do parque Rosalía tras os danos causados no Entroido

LugoXa
Acompañado polos responsables de ambos os servizos, o alcalde fixo un chamamento á cidadanía para promover o civismo, subliñando a importancia do parque Rosalía
Alcalde-en-Parque-Rosalía
14 Mar 2025

O alcalde de Lugo, Miguel Fernández, supervisou os traballos de limpeza que se están a levar a cabo no parque Rosalía, tras os danos ocasionados polos actos vandálicos no pasado Entroido.

Os traballos forman parte dunha intervención integral nas instalacións, que están a ser realizadas polas empresas encargadas do mantemento de Parques e Xardíns e do servizo municipal LuceLugo.

Acompañado polos responsables de ambos os servizos, o alcalde fixo un chamamento á cidadanía para promover o civismo, subliñando a importancia do parque Rosalía, un dos máis emblemáticos e visitados da cidade. "É fundamental que se coide este espazo, non só por ser un dos nosos parques máis importantes, senón tamén pola gran cantidade de recursos que estamos a dedicar a súa recuperación en tan pouco tempo", destacou Fernández.

O rexedor tamén puido comprobar o aumento de efectivos que se destinaron ao parque nestes días. "A diario, tres persoas traballan na limpeza e mantemento deste parque, ademais do coidado dos patos. Pero neste caso, multiplicamos os efectivos para restaurar os danos, e estimamos que os traballos rematarán en dous días", explicou Fernández. "É lamentable, porque hai menos dun mes que realizamos unha limpeza integral no parque, que incluía a eliminación de todas as pintadas", engadiu.

Entre as zonas máis afectadas polos actos vandálicos figuran as pintadas na caseta do guardés e, especialmente, no tronco das árbores, que requiren un tratamento máis coidadoso e sen usar produtos químicos. Para eliminar as pintadas tamén se actuou sobre o mobiliario urbano, como bancos, papeleiras e farois, que xa foran reparados nunha intervención anterior, ademais de outras tarefas de limpeza na balaustrada, xogos infantís, fontes e aseos.

O alcalde tamén recordou que en 2024 se realizaron cinco intervencións de diferente tipo para a limpeza e posta a punto do parque Rosalía, ademais do mantemento diario. Estas actuacións requiren o uso de equipos de auga a presión, vapor de auga para eliminar pintadas, e produtos autorizados como decapantes, pinturas especiais e ferramentas manuales. En total, os operarios empregaron 15,5 xornadas de traballo nestas tarefas.

Fernández lamentou os actos vandálicos que afectan a este espazo público, malia que, como explicou, a presenza policial se incrementou na zona. A súa mensaxe final foi clara: "É preciso que todos colaboremos para preservar os espazos públicos e garantir que segan sendo un punto de encontro para todos os lucenses".

⚙ Configurar cookies
0.13233113288879