Lugo reforza as axudas sociais incrementando o seu orzamento e establecendo novos criterios

LugoXa
A posta en marcha dunha nova ordenanza supón un reforzo da rede de asistencia municipal, mellorando os servizos e fortalecendo a protección social
Olga-López-Racamonde-
4 Feb 2025

O Concello de Lugo aprobará nas próximas semanas a nova normativa que regulará as axudas de emerxencia social, co obxectivo de facelas máis eficaces e adaptadas á realidade actual.

Este cambio permitirá, ademais, modificar as contías e prestacións destinadas ás persoas en situación de vulnerabilidade, incorporando novos métodos de pago.

Ademais deste maior control, a medida chega acompañada dun aumento do 57 % na dotación económica con respecto ao ano 2024, o que permitirá atender un maior número de familias e axudalas en cuestións prioritarias como o pago do alugueiro da vivenda ou das subministracións básicas.

A concelleira de Benestar Social e Maiores, Olga López Racamonde, subliñou que "esta actualización normativa, que substitúe o anterior sistema baseado na concesión por decreto, permitirá ao Concello de Lugo contar cun marco regulador que garantirá unha mellor xestión e ampliará o alcance das achegas, reafirmando o noso compromiso social coas persoas e familias lucenses que se atopan en situación de dificultade económica".

Máis recursos para os gastos máis demandados

A posta en marcha desta ordenanza supón un reforzo da rede de asistencia municipal, mellorando os servizos e fortalecendo a protección social. Segundo destacou López Racamonde, "esta nova normativa e o seu correspondente incremento orzamentario son unha clara mostra da aposta do Concello de Lugo por apoiar ás familias con menos recursos".

Entre as principais melloras, inclúese un aumento nas partidas destinadas ao pago do alugueiro, así como ás facturas de electricidade, auga e gas. Tamén se incrementarán os fondos destinados a alimentación, aínda que esta necesidade pode ser cuberta a través da colaboración con entidades como o Banco de Alimentos, Cáritas, Cruz Vermella ou o Fogar do Transeúnte municipal.

En concreto, a nova ordenanza contempla unha subida do 66% nos fondos para axudas ao alugueiro, pasando dos 127.000 euros asignados en 2024 a un total estimado de 211.000 euros en 2025. "A nosa intención é adaptar esta normativa á realidade actual e dar resposta ás necesidades prioritarias, como é o acceso á vivenda", sinalou a concelleira.

Un dos aspectos máis destacados desta nova regulación é o aumento das contías destinadas ás familias solicitantes. Así, a axuda máxima para o alugueiro pasará de 1.200 a 2.000 euros anuais, o que supón unha mellora de 800 euros por familia.

Pola súa parte, a partida destinada a cubrir os custos das subministracións de luz, auga e gas tamén experimentará unha subida, podendo chegar ata os 400 euros anuais por beneficiario.

Unha ordenanza con consenso e maior control

A nova normativa foi elaborada tras un ano de traballo e diálogo con asociacións, entidades sociais e técnicos municipais, buscando un amplo consenso. Ademais de incrementar as contías nas áreas máis demandadas, a ordenanza contará cun sistema de control rigoroso e transparente, de xeito que os beneficiarios deberán xustificar a súa situación de emerxencia e cumprir unha serie de requisitos.

A edil de Benestar Social expresou a súa satisfacción por sacar adiante unha medida que "permitirá axudar ás familias máis vulnerables e reforzar as achegas destinadas ao alugueiro, que é unha das principais demandas que estamos a recibir".

Segundo explicou, aínda que a implantación do Ingreso Mínimo Vital reduciu o número de solicitantes das axudas de emerxencia social, os casos de persoas que necesitan apoio para afrontar os gastos da vivenda seguen en aumento, "debido á falta de políticas públicas por parte da Xunta de Galicia, que é a administración competente nesta materia".

Neste sentido, López Racamonde lembrou que algúns gastos que anteriormente cubrían estas axudas, como os tratamentos oftalmolóxicos, as próteses ou o copagamento farmacéutico, están agora financiados polo Goberno central. "Isto permitiunos redirixir os recursos cara ás partidas máis solicitadas, como a do alugueiro, garantindo unha mellor atención ás persoas que realmente o precisan", concluíu.

0.13874006271362