Lugo reforzará o asesoramento ás mulleres migrantes vítimas de violencia

LugoXa
Esta iniciativa enmárcase no contexto dos próximos cambios lexislativos que introducirá o novo Regulamento de Estranxeiría, cuxa entrada en vigor será o 20 de maio
Xornadas-Informativas-Regulamento-de-Estranxeiría-Lugo
19 Mar 2025

A Oficina de Inmigración do Concello de Lugo, dependente da Concellería de Benestar Social e Maiores, reforzará a súa labor de orientación e apoio, co obxectivo de informar e axudar na tramitación de solicitudes ás mulleres estranxeiras vítimas de maltrato, abuso sexual ou trata de seres humanos.

Esta iniciativa enmárcase no contexto dos próximos cambios lexislativos que introducirá o novo Regulamento de Estranxeiría, cuxa entrada en vigor está prevista para o vindeiro 20 de maio.

Así o anunciou esta mañá a concelleira da área, Olga López Racamonde, durante a súa participación nunhas xornadas organizadas pola Subdelegación do Goberno para analizar as modificacións que contempla o novo regulamento. A edil subliñou a relevancia de “asesorar a estas mulleres sobre as novidades normativas que as benefician, como as relativas ao reagrupamento familiar ou os cambios nos procedementos de solicitude de asilo político”.

López Racamonde detallou que as novas disposicións legais “permitirán ofrecer un respaldo aínda maior ás mulleres inmigrantes que foron vítimas de violencia machista, abuso sexual ou trata. As mulleres nestas circunstancias contarán cunha protección legal reforzada e cremos fundamental lembrar que desde a Oficina Municipal de Inmigración podemos brindar o asesoramento necesario e facilitar a xestión das súas solicitudes ante a Subdelegación do Goberno”.

Durante as xornadas informativas, a subdelegada do Goberno, Isabel Rodríguez, destacou que os cambios normativos “reforzan os dereitos das mulleres migrantes vítimas de violencia de xénero e violencia sexual para a obtención de permisos temporais de residencia e traballo”. Esta acción formativa enmárcase dentro do programa de actividades polo Día Internacional das Mulleres, o 8 de marzo.

En relación ás modificacións lexislativas, a concelleira de Benestar Social e Maiores indicou que “os servizos municipais terán un papel clave, xa que os seus informes serán válidos para acreditar, por exemplo, a condición de vítima nos supostos contemplados pola nova normativa”.

López Racamonde lembrou ademais que a Oficina de Inmigración xa vén desenvolvendo esta labor de asesoramento desde as súas dependencias situadas no edificio do Seminario, no centro de servizos municipais.

⚙ Configurar cookies
0.081706047058105