Lugo reivindica a inclusión no Día Mundial de Concienciación sobre o Autismo

LugoXa
Raiolas e Capaces lideran un acto na Praza Maior coa lectura dun manifesto e diversas actividades de sensibilización
Día-Mundial-de-Concienciación-sobre-o-Autismo-Capaces-e-Raiolas-Lugo
2 Apr 2026

As asociacións Raiolas e Capaces celebraron este 2 de abril, Día Mundial de Concienciación sobre o Autismo, un acto conxunto na Praza Maior de Lugo no que se deu lectura a un manifesto co obxectivo de visibilizar e dar voz ás persoas con trastorno do espectro autista e ás súas familias.

A convocatoria tivo lugar ás 12:00 horas diante do Concello, onde ambas entidades uniron esforzos para destacar a importancia da inclusión e da comprensión social.

A deputada Olalla Rodil e a concelleira Maite Ferreiro participaron nos actos programados, amosando o seu apoio ás reivindicacións do colectivo.

Pola súa banda, o delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, puxo en valor o labor “imprescindible” que desenvolven as entidades sociais na sensibilización da cidadanía e na posta en marcha de servizos de apoio. Ademais, reafirmou o compromiso do Goberno galego de continuar avanzando cara a unha sociedade máis inclusiva, con máis recursos sociais e sanitarios e cunha estratexia educativa orientada ao desenvolvemento integral de todas as persoas.

Entre as iniciativas impulsadas con motivo desta efeméride, a sede da Xunta en Lugo iluminou a súa fachada de cor azul durante a noite, como símbolo de apoio ao colectivo, mentres que a Biblioteca Pública acolleu unha mesa redonda sobre o autismo na que participaron especialistas de distintos ámbitos.

As actividades continuarán o vindeiro 11 de abril cun taller vivencial de 60 minutos, dirixido a profesionais, familias e a todas aquelas persoas interesadas en comprender mellor o autismo a través de experiencias reais. A sesión terá lugar na Casa das Asociacións María Mariño, situada en Monte Faro 2 baixo, a partir das 12:00 horas.

0.12054204940796