Lugo rememora o legado da mestra Andrea López Chao en favor dos dereitos das mulleres

LugoXa
Este ano cúmprense 150 do nacemento de Andrea López Chao, mestra mindoniense emigrada a Cuba onde desenvolveu unha  loita pioneira polo dereito das mulleres á educación e a saúde das mulleres.
homenaxe_andrea_lopez_chao
6 Mar 2024

Este ano cúmprense 150 do nacemento de Andrea López Chao, mestra mindoniense emigrada a Cuba onde desenvolveu unha  loita pioneira polo dereito das mulleres á educación e a saúde das mulleres. Ese legado a favor da igualdade remarcouse na homenaxe organizada no Pazo de San Marcos, que tivo como principal protagonista a Patricia Arés Muzio.

A bisneta da mestra mindoniense e doutora en psicoloxía na Universidad de La  Habana participou no coloquio Muller e familia: 100 anos entre a miña bisavoa e eu , xunto a Antonio Reigosa, cronista oficial de Mondoñedo, e Daniel Vázquez, doutor en Estudos Culturais e coordinador das Xornadas Homenaxe a Andrea López Chao.

Todos eles destacaron o traballo da mestra no ámbito social e o seu pensamento, aliñado cos movementos feministas emerxentes. Na súa intervención, Iria Castro remarcou a necesidade de manter na memoria a Andrea López Chao e a emigración galega a Cuba e animou a continuar a investigación sobre a súa figura como “pioneira na defensa do dereito das mulleres á sanidade e á educación a comezos do século pasado, abrindo camiños para todas as que chegamos despois”.

O acto, que contou coa actuación de Troupelear, serviu tamén de presentación en Lugo das actas das Xornadas Homenaxe a Andrea López Chao, que tiveron lugar o pasado verán en Mondoñedo e Vilalba, editadas pola Vicepresidencia da Deputación de Lugo. Tamén se presentou a web opoderdeeducar.es na que se recompila o traballo realizado sobre a figura de Andrea López Chao e o teaser do documental homónimo, de Violeta Ramos.

0.1864550113678