Lugo rende homenaxe a Moncho Reboiras no 50 aniversario do seu asasinato por parte do franquismo

O tenente alcalde do Concello de Lugo, Rubén Arroxo, acompañado pola concelleira de Cultura, Turismo e Promoción da Lingua, Maite Ferreiro inauguraron o busto en lembranza a Moncho Reboiras colocado na rúa Soto Freire, dentro dos actos organizados polas fundacións Galiza Sempre, Terra e Tempo e Moncho Reboiras, en lembranza do 50 aniversario do asasinato de Moncho Reboiras, a última persoa asasinada polo franquismo na Galiza. Rubén Arroxo destacou que Lugo foi a primeira cidade que realizou unha homenaxe pública a Moncho Reboiras, e engadiu "desde Lugo apoiamos esta iniciativa que durante os vindeiros meses se executará tamén noutras vilas e cidades de Galiza, lembrando a unha persoa que foi asasinada simplemente polos seus ideais".
Con esta acción, a Tenencia de Alcaldía lembra a figura de Moncho Reboiras como unha persoa simbólica na loita pola liberdade e os dereitos fundamentais, promovendo a memoria histórica. O tenente alcalde destacou o legado de Moncho Reboiras "unha figura clave na organización da clase traballadora galega, que axudou a crear o Sindicato Obreiro Galego, organización antecesora da CIG", e lembrou que "non foi ata o ano 2009 cando o Estado español o recoñeceu oficialmente como unha vítima do franquismo, a última persoa asasinada polo réxime na Galiza".
O Tenente Alcalde, Rubén Arroxo, afirmou que "hoxe realmente é un día de xustiza: despois de que no ano 2009 o Estado español recoñecera que Moncho Reboiras fora unha vítima do franquismo, ou que é o mesmo, o Estado español recoñeceu que era unha vítima do propio Estado, hoxe conseguimos entrar nunha nova fase, que é facer que Moncho Reboiras empece a ter a súa presencia por todo o territorio do país".
Manuel Reboiras, irmán de Moncho Reboiras, agradeceu á Tenencia de Alcaldía a iniciativa, e afirmou que "este busto que se inaugura hoxe debe ser non só unha honra para a figura de Moncho Reboiras, debe ser tamén unha honra para todos para todos as vítimas do franquismo que coa súa valentía, a súa entrega, a súa coherencia, estiveron loitando por unha causa que é a soberanía de Galiza e por unha loita contra o fascismo".
Rubén Cela destacou o traballo realizado polas tres fundacións neste ano, e afirmou: "desde a comisión entendiamos que este aniversario quedaría un pouco coxo se non eramos capaces tamén de levar ese recoñecemento e esa reparación ao espazo público do noso país, e por iso quero agradecer en nome da comisión enormemente a predisposición, a valentía e o compromiso da Tenencia de Alcaldía do Concello de Lugo para que isto hoxe poida ser unha realidade ademais nun sitio especialmente acaído, ao pé deste Vello Cárcere, que tamén é un espazo de memoria, un espazo que nos lembra tódolos días a crueldade e a brutalidade da represión franquista na cidade de Lugo e no conxunto do país", e engadiu "Reboiras foi un militante exemplar e comprometido até a extenuación e até as últimas circunstancias coa causa nacional galega e coas clases populares deste país, ese é o motivo fundamental polo que o franquismo acaba eh coa súa vida, porén, para nós, Reboiras non é só un símbolo para o momento nacionalista galego, senón que Reboiras é un símbolo de todo un país, un símbolo de toda unha xeración que loitou pola liberdade, que loitou pola democracia e que loitou pola construción dunha sociedade mellor".
Reboiras foi asasinado na madrugada do 12 de agosto de 1975, despois de que na noite do 11 de agosto, a Brigada Político Social (BPS) establecera un control no barrio ferrolán de Canido. Ás 2 da mañá varios efectivos da Brigada xunto a varios axentes da Policía Armada acordoaron o edificio onde se atopaba Reboiras, que logra zafarse da policía durante máis de dúas horas, logrando finalmente esta darlle alcance no portal da rúa da Terra.
O acto de inauguración do busto contou coa intervención de Rubén Cela en representación das tres fundacións promotoras da homenaxe a Moncho Reboiras e representantes da familia. A imaxe pétrea de Monco Reboiras foi instalada ao carón do Vello Cárcere onde centos de persoas foron represaliadas polo franquismo.