Lugo renova o mobiliario urbano de zonas verdes con madeira reciclada

LugoXa
O Concello instala 18 novos conxuntos de mesa e bancos en catro espazos naturais e prevé outras cinco unidades para futuras reposicións ou ampliacións
Concello-de-Lugo-renova-o-mobiliario-urbano-e-zonas-verdes
7 Jul 2025

O Concello de Lugo está a levar a cabo a renovación do mobiliario urbano en varias zonas verdes da cidade mediante a instalación de novos elementos fabricados con madeira tecnolóxica reciclada, cun investimento total que supera os 30.000 euros. Esta actuación busca mellorar a accesibilidade e o confort destes espazos naturais, promovendo o seu uso colectivo.

Segundo explicou o alcalde, Miguel Fernández, esta intervención “contribúe a poñer en valor os espazos naturais da nosa cidade, creando contornas máis accesibles, coidadas e preparadas para o desfrute colectivo”. O rexedor destacou ademais que se trata “dun paso máis na aposta do goberno local por coidar e mellorar os espazos verdes de Lugo, favorecendo a convivencia e o lecer ao aire libre”.

O novo equipamento consiste en conxuntos de mesa e bancos deseñados especificamente para espazos naturais, elaborados con madeira técnica reciclada (WPC), un material altamente resistente ao desgaste, estable fronte á humidade e aos cambios térmicos, de textura agradable e que non require mantemento, ao ser inmune ao ataque de fungos e insectos.

Instaláronse un total de 18 unidades repartidas en catro puntos da cidade: o Paseo do Miño conta con seis; a Carballeira de Fingoi, con catro; o xardín do Pazo de Feiras e Congresos, con outras catro; e a Praza do Castiñeiro, con catro máis. No Paseo do Miño, a actuación incluíu a substitución de mobiliario deteriorado na contorna da ponte branca e a instalación dunha nova unidade nas proximidades da pasarela de madeira, xunto á rotonda de Alfonso X.

A dotación completarase cunha reserva de cinco unidades adicionais que quedarán en almacén para futuras reposicións ou para ser colocadas en novos espazos. En total, a cidade disporá de 25 conxuntos de mobiliario urbano orientados a mellorar a funcionalidade e comodidade das súas áreas verdes.

⚙ Configurar cookies
0.19612598419189