Lugo renova os seus xardíns e espazos públicos con plantas de tempada

LugoXa
O Concello de Lugo está a realizar traballos en parques, xardíns e zonas verdes, consistentes na plantación de plantas de tempada
praza santo domingo xardins lugo
12 Nov 2021

O Concello de Lugo está a realizar traballos de mantemento en parques, xardíns e zonas verdes, consistentes na plantación de plantas de tempada de inverno, cunha estimación de máis de 25.000 exemplares.

Estas tarefas son fundamentais actuacións que permiten embelecer a cidade e mellorar a saúde ambiental. Neste redeseño dos espazos públicos, no que se investen 24.000 euros, aplican un tratamento integral para que as plantacións se produzan nas mellores condicións e deixar Lugo preparado para a chegada dunha época tan especial como é o Nadal.

Como planta de flor da campaña de inverno cultívanse principalmente brassicas, violas, primulas, caléndulas e cyclamens, que encherán de cor a paisaxe das rúas, parques e espazos verdes da cidade; mentres que na de verán se utilizan  begonia, coleus, gazania, impatiens, surfinia, petunia, salvia, tagete, osteospermum e calibrachoa, entre outras.

Esta semana os traballos florais tiveron lugar nos espazos axardinados da Rúa Pintor Laxeiro, na Fonte do Rei, nas rotondas de Garabolos e na Praza de Santo Domingo, para dar continuación ás plantacións xa realizadas na Praza Maior e tamén xunto ao busto de Rosalía de Castro días atrás.

Nas vindeiras semanas os xardineiros da empresa encargada do mantemento das zonas verdes procederán a acondicionar os espazos da Avenida das Américas, Fonte dos Ranchos, Praza da Constitución, Praza do Ferrol, Ronda da Muralla xunto a Porta de San Fernando, Parque Rosalía, Santo Domingo, Montevideo, Castelao, Bispo Aguirre, Bispo Odoario e nas xardineiras instaladas en distintas partes da cidade.

0.16952300071716