Lugo retoma as actividades de hortos escolares para o alumnado de sexto de Infantil

A Tenencia de Alcaldía, a través da Concellería de Educación e Difusión do Coñecemento, puxo en marcha un ano máis o programa de hortos escolares dirixido ao alumnado de sexto de Educación Infantil dos centros públicos da cidade.
A concelleira de Educación e Difusión do Coñecemento, Iria Buide, explicou que esta iniciativa emprega o traballo no horto como ferramenta educativa para abordar cuestións relacionadas co medio natural, o seu coidado e a sensibilización ambiental. Ademais, o programa busca tamén difundir e manter vivas as tradicións galegas vinculadas aos ciclos do ano.
O proxecto combina as tarefas no horto coa aprendizaxe de cantigas, xogos e celebracións tradicionais asociadas ás distintas épocas do ano. Aínda que este tipo de experiencias poden resultar enriquecedoras en calquera etapa da vida, desde o Concello destacan que nas primeiras fases da educación a estimulación sensorial ten unha especial relevancia. Por iso, consideran que a actividade supón un recurso pedagóxico de grande interese para que o alumnado máis novo poida experimentar e desfrutar do contacto directo co medio natural, participando de forma consciente e responsable nas tarefas que se desenvolven neste contorno.
Durante o desenvolvemento do programa, as nenas e nenos terán a oportunidade de potenciar a súa capacidade de observación e investigación no medio que os rodea, ademais de familiarizarse co uso de ferramentas diferentes ás habituais no seu día a día. Paralelamente, achegaráselles ao coñecemento de músicas, cantigas, celebracións e costumes tradicionais vinculados tanto á natureza como ao paso das estacións.
Neste curso, a iniciativa arrincou con tres grupos do CEIP Luís Pimentel. Ao longo do programa impartiranse un total de 7 sesións repartidas entre 22 grupos de sexto de Infantil. Ademais, durante o verán organizaranse tamén 4 sesións nas dúas escolas infantís de xestión directa do Concello: a EIM Gregorio Sanz e a EIM Serra de Outes.