Lugo retomará o servizo de atención nos centros socioculturais das parroquias
A concellería de Benestar do Concello de Lugo retomará o servizo de información e atención nos centros socioculturais das parroquias. Unha prestación que se pretende achegar ás antigas escolas rurais de San Xoan de Campo, Calde-San Pedro, Coeses, Saa, Santa María de Bóveda, Santa Comba e Rubiás nos que se impartirán actividades de dinamización.
A área que dirixe Olga López Racamonde reservou a execución deste contrato a un centro especial de emprego de iniciativa social ou empresa de inserción cuxo procedemento de licitación foi autorizado esta mañá en Xunta de Goberno.
O Executivo de Lara Méndez aposta, así, por recuperar a actividade sociocultural nos núcleos “dunha forma permanente, logo dos condicionantes que impuxo a pandemia e que durante meses obrigou a manter pechadas as instalacións municipais do rural, fomentando ao mesmo tempo que estas entidades concorran aos procesos públicos para pular polo acceso ao emprego das persoas con algún tipo de discapacidade”, subliñou a edil.
López Racamonde explicou que a licitación, que terá un prazo de execución dun ano prorrogable até un máximo de tres, disporá dun orzamento anual de 67.320 euros.
Do mesmo xeito, a concelleira de Benestar deu conta do inicio, esta mesma semana, do programa de conciliación familiar Aulas Abertas no que participan un total de 90 crianzas de entre 3 e 12 anos de idade.
“A nosa vontade é xerar apego e arraigamento nos núcleos, ofrecendo un servizo moi estimado entre a cidadanía, que lle permitirá compaxinar as súas obrigas laborais co tempo de lecer que os nenos e nenas teñen nesta época, aportando unha alternativa segura de entretemento que favoreza a súa socialización”, afirmou Olga López.