Lugo reúne centos de persoas nun acto do BNG previo ao Día da Patria

Lugo acolleu un acto multitudinario do Bloque Nacionalista Galego dentro da campaña previa ao Día da Patria, onde interviñeron Brenda González, Rubén Arroxo e o deputado no Congreso Néstor Rego.
A cita serviu para destacar o papel do BNG como forza política “honrada, incansábel e desinteresada”, segundo Rego, quen contrapuxo o traballo do nacionalismo galego cos episodios de corrupción que afectan a outras formacións estatais.
O deputado destacou que “só as forzas soberanistas están a conseguir conquistas sociais no Estado” e afirmou que, no caso de Galiza, é o BNG quen “consigue avances reais para o País”.
Rego asegurou que a súa organización non apoiará nunca un Goberno da dereita ou da ultradereita, pero advertiu tamén que non dará “cheques en branco” a ningún executivo: “O Goberno debe cumprir cos compromisos”, subliñou, lembrando o Acordo de Investidura acadado polo BNG, que cualificou como “un grande avance para a Galiza”. Rego insistiu en que a formación nacionalista manterá a vixilancia para garantir que eses compromisos se executen.
Durante o acto, Rego fixo fincapé no crecemento do apoio social ao nacionalismo galego e afirmou que o BNG está preparado para afrontar “novos retos nos próximos tempos”, entre os que mencionou “máis gobernos municipais, máis alcaldías e mesmo o Goberno da Galiza”.
Rego concluíu asegurando que o BNG é “a garantía da mudanza real que o País precisa” e expresou o obxectivo de construír “unha Galiza libre e soberana, que aproveite todas as súas potencialidades e garanta a calidade de vida e benestar dos galegos e galegas”.