Lugo rexistra en decembro unha actividade turística semellante á de antes da pandemia
A concelleira de Cultura, Turismo e Promoción da Lingua, Maite Ferreiro, vén de presentar os datos de turismo da ponte de decembro de 2023. Ferreiro explicou que os datos destes días evidencian que o traballo do Goberno de Lugo nestes anos posicionou a Lugo “como un destino estratéxico á hora de visitar Galiza".
Maite Ferreiro afirmou que Lugo situouse “en números moi similares aos de antes da pandemia, e desde o Goberno de Lugo seguiremos traballando para continuar a mellorar os datos e garantir a mellor atención ás persoas que nos visiten".
A Oficina Municipal de Turismo da praza do Campo atendeu en total a 780 turistas durante a ponte, destacando as procedentes do resto da provincia e de Galiza, con motivo da ponte do 25, e as procedentes de Asturias e León, consolidando a oferta turística de Lugo como un importante eixo do turismo de proximidade.
As salas museísticas municipais continúan a ser un gran atractivo turístico da cidade. Mentres que Porta Miñá e o Centro de Interpretación de San Roque rexistraron, en total, 145 visitas, o MIHL acolleu durante a ponte un total de 265 visitantes. Pola súa banda, o Vello Cárcere sumou un total de 727, éxito que Maite Ferreiro vinculou ao traballo de difusión da instalación realizado pola área de Cultura, e á chegada de importantes exposicións.