Lugo Rural Importa esixe ao Concello que facilite terreos para o novo aparcadoiro nas Fontiñas

LugoXa
A avenida "sofre un grave déficit de prazas de aparcamento, o que xera dificultades e situacións de risco para os residentes deste barrio"
ronda-fontiñas-lugo
15 May 2025

Lugo Rural Importa celebra o anuncio da Xunta de Galicia no que mostraron a vontade de crear un aparcadoiro nas Fontiñas, xa que esta avenida "sofre un grave déficit de prazas de aparcamento, o que xera dificultades e situacións de risco para os residentes deste barrio, para os comerciantes e o tráfico en xeral", explican.

Así, consideran que "a pelota está no tellado do Concello de Lugo, que está obrigado a facilitar, canto antes e nas debidas condicións, os terreos precisos e axeitados para a nova infraestrutura e emprazados nunha zona axeitada para solventar a problemática do bario".

Por outro lado, din que "xa estamos acostumados a que, entre administracións, non se recoñezan accións positivas para os veciños, pero intentar poñer paos nas rodas a un proxecto como o indicado sería xogar abertamente contra os intereses do municipio e dos veciños de Fontiñas".

RESPOSTA DO GOBERNO LOCAL

Desde o Concello de Lugo informan de que a parcela sita na avenida das Fontiñas na que o Partido Popular pretende impulsar un aparcadoiro de 70 prazas está catalogada como zona verde no Plan Xeral de Ordenación municipal, pero que, "de confirmarse a vontade da Xunta de Galicia de acometer a devandita dotación, non necesita en absoluto a intervención municipal para levala a cabo".

Así, din que "a actual lexislación autonómica contempla mecanismos para que a Xunta poida abordar estes traballos sen necesidade que sexa modificado o Plan xeral e prevalecendo esta decisión sobre a norma municipal, seguindo o mesmo procedemento legal que xa se utilizou para construír o aparcadoiro autonómico que se atopa inconcluso na avenida Breogán".

Pero, advirten: "De elixir esta vía, a Xunta de Galicia deberá asumir o impacto das consecuencias ambientais, paisaxísticas, urbanísticas e sociais, xa que o proxecto non encaixa urbanisticamente no modelo de cidade no que se traballa desde esta Adminsitración".

Ademais, lembran que o Concello de Lugo ofreceu unha localización alternativa na confluencia da Avenida Fontiñas coa rúa Rof Codina onde se podería albergar un aparcadoiro en superficie de preto de 300 prazas no canto das 70 que expón o grupo municipal popular e cun custo económico e impacto ambiental moito menor, que tamén foi descartada, "apostando ambas administracións por unha mellor solución".

⚙ Configurar cookies
0.16257309913635