Lugo Rural Importa reclama un pacto entre PSOE, BNG e PP para poñer fin ao "caos de tráfico"

LugoXa
A federación veciñal acusa aos tres grupos municipais de enredar nun asunto que considera prioritario para a economía e a calidade de vida dos lucenses
nova-rotonda-ramon-ferreiro
10 Nov 2025

A federación de asociacións de veciños Lugo Rural Importa instou aos tres grupos políticos con representación no Concello —PSOE, BNG e PP— a consensuar un plan de mobilidade para Lugo que se poña en marcha canto antes e teña continuidade nos próximos anos, independentemente de quen goberne.

A entidade, a través do seu portavoz Fernando Rois, considera que a actual situación é insostible e que o tráfico na cidade se xestiona con absoluta improvisación e falta de planificación.

Rois acusa ao goberno municipal, formado por socialistas e nacionalistas, de actuar sen un proxecto de cidade definido e de tomar decisións en materia de ordenación do tráfico baseadas en ocorrencias, mentres critica ao PP por limitarse a propostas illadas como a creación dun aparcadoiro en altura, unha medida que, segundo indica, non resolvería nin de lonxe o problema de fondo.

A federación pon como exemplo da “incapacidade de xestión” de PSOE e BNG a situación derivada da eliminación da ORA, xa que ningún dos dous grupos foi quen de implantar un novo sistema de regulación de aparcadoiros que favoreza a rotación de vehículos. Lugo Rural Importa defende a necesidade dun modelo de control gratuíto que permita mellorar a mobilidade e critica o que cualifica como un “disparate” na organización do tráfico dentro do recinto amurallado, que, segundo sostén, xera riscos para os peóns e saturación das prazas dispoñibles, obrigando a estacionar cada vez máis lonxe do centro.

Esta situación, engade a entidade, provoca un aumento do tráfico en rúas estreitas e, con iso, do perigo para a circulación tanto rodada como peonil. Tamén considera insuficientes medidas como a apertura temporal de espazos de aparcadoiro, como o situado diante do Instituto Virxe dos Ollos Grandes, xa que durante as horas de maior demanda están reservados ao uso dos centros correspondentes.

En canto á oposición, Lugo Rural Importa sinala que o PP non foi capaz de lograr a apertura do aparcadoiro construído pola Xunta nas proximidades da avenida Breogán, algo que atribúe á pugna política entre administracións. Por todo iso, a federación reclama un acordo urxente entre os tres partidos municipais que poña fin ao “caos actual” e permita establecer un plan de mobilidade estable e eficaz.

Ademais, alerta de que a desorganización do tráfico tamén está a propiciar un aumento dos comportamentos incívicos ao volante, como paradas indebidas que obstaculizan a circulación, ocupación de zonas reservadas ao bus urbano ou á carga e descarga, e xiros sobre liñas continuas.

⚙ Configurar cookies
0.074463129043579