Lugo: Ruta do río dos muíños

LugoXa
A ruta do río do muíños conta cun total de 4 quilómetros de distancia, un percorrido de difiultade baixa para realizar en aproximadamente unha hora.
Muíño_no_río_Mera portada
17 sep 2023

A ruta do río do muíños conta cun total de 4 quilómetros de distancia, un percorrido de difiultade baixa para realizar en aproximadamente unha hora.

A ruta do río dos muíños é un percorrido polo val do río Mera, afluente do Miño. Para dar comezo a esta ruta deberemos desprazarnos ata preto da área recreativa do monte Segade onde atoparemos un aparcamento, o punto de inicio é unha pista asfaltada que une a estrada nacional coa estrada de Orbazai.

Seguimos o indicador de dirección e chegaremos a unha fonte onde deberemos coller a man dereita en dúas ocasións para dirixirnos cara o río augas abaixo para poder ver un dos muíños co seu caneiro. Este caneiro ten unha gran influencia sobre o aspecto do río creando nas súas proximidades un curso lento e unha gran profundidade.

A continuación deberemos volver sobre os nosos pasos e de aquí en diante a ruta será sempre augas arriba. Pouco a pouco o río vaise convertendo nun curso rápido sobre area e pedras de granito que non posúe moito caudal. O seguinte que poderemos observar serán os restos dunha pesqueira onde noutros tempos se podían coller meixóns en abundancia.

O camiño continúa ata chegar a unha estrada estreita e unha ponte onde hai un lugar denominado porto. Isto é un paso natural no río nun sitio pouco profundo e prolongado artificialmente por un camiño nas dúas ribeiras que permitía cruzar ás persoas, o gando e tamén aos carros cando o caudal o facía posible. O seguinte muíño que atopamos no camiño, na mesma beira, non ten presa no Mera xa que a auga era transportada ata el por un rairo, unha canle artificial que tomaba a auga máis arriba aproveitando o desnivel.

A ruta continúa paralela ao río pero pouco despois do muíño apartámonos lixeiramente del ata chegar a unha fervenza formada por grandes rochas. Neste punto, na outra beira do río, está o muíño de Abelleira que na actualidade é unha vivenda particular. Chegado a este punto podemos realizar un breve percorrido augas arriba, en forma ovalada e de gran dificultade que nos devolverá ao mesmo punto.

Para continuar deberemos dar a volta augas abaixo, nesta ocasión pola beira do río para poder ver unhas esculturas feitas en grandes rocas. Non se sabe con certeza a que corresponden esta esculturas, aínda que dúas delas son de tipoloxía románica, a cabeza de Agnus Dei similar ás que están presentes en moitas igrexas medievais e un ser monstruoso que aparece representado boca arriba.

Neste punto do percorrido o río conta cunha illa de cen metros de longo e con abundante vexetación. Chegaremos ao mesmo camiño que antes e continuamos por el ata a ponte onde deberemos coller a man dereita e seguir por un camiño situado a máis altura que nos permitirá ter unha vista diferente da contorna natural. Continuando o camiño volveremos ao río e a pouco máis de cen metros estaremos de novo no camiño de ida, atopándonos moi preto da fonte do Segade e da área recreativa.

Esta ruta é denominada a ruta dos muíños pola importancia que estes muíños do río Mera tiveron para a cidade de Lugo a través do abastecemento de fariña. A marxe dereita do Mera coincide con monte comunal e son os veciños da parroquia de Orbazai os que coidan de maneira respectuosa a terra e o río. No percorrido desta ruta podemos atopar árbores como o carballo, o freixo, o salgueiro, o bidueiro, ou o castiñeiro así como fentos dos que destaca a súa abundancia no último tramo do camiño. Durante o outono tamén poderemos observar unha gran cantidade de setas.

Ruta muiño
Rio mera 2
rio mera 1
0.18668103218079