Lugo sae á rúa en contra da planta de Coeses
A cidade manifestouse en contra do proxecto da fábrica de metano proxectado en Coeses nunha mobilización convocada polas parroquias afectadas que piden unha nova localización que non afecte aos núcleos de poboación. O portavoz do BNG e tenente alcalde do Concello de Lugo, Rubén Arroxo, acompañado dos seus concelleiros e concelleiras, asistiu á concentración.
Anteriormente, Rubén Arroxo anunciaba nunha reunión con parte das persoas afectadas que o BNG ía colaborar coa veciñanza nas accións necesarias para garantir a súa calidade de vida ante o proxecto de construcción dunha fábrica de metano, que actualmente se atopa en exposición pública e en prazo de alegacións. "Reunímonos coa veciñanza afectada para amosar o noso apoio e colaborar coas distintas accións que leven adiante as veciñas e veciños dos núcleos afectados".
Trátase dun “proxecto que producirá ruídos, cheiros e que pode ter influencia na calidade da auga da zona", afirmou Arroxo, que engadiu "colaboraremos tamén axudando a presentar alegacións ao proxecto para que as veciñas e veciños poidan amosar o seu rexeitamento a esta plana".
A deputada do BNG no Parlamento Galego, Montserrat Valcárcel, recibiu en Compostela a unha delegación de veciñas e veciños da contorna afectada, acompañados polo propio portavoz do BNG no Concello de Lugo, que se desprazaron para compartir co Grupo Parlamentar do BNG as súas reclamacións ante o proxecto da fábrica.
O BNG xa rexistrou iniciativas no Parlamento, e presentará máis nas noutras institucións onde ten representación, amosando a problemática trasladada polas veciñas e veciños. reclama, xunto coa veciñanza da zona, que se valore unha localización alternativa "que non afecte a ningún núcleo de poboación". A Xunta de Galiza declarou o proxecto como iniciativa empresarial prioritaria, o que conleva a simplificación de trámites administrativos, "mais o que debe ser prioritario é garantir que as veciñas e veciños da contorna non vexan reducida a súa calidade de vida por esta planta", afirmou Rubén Arroxo.