Reportaxe: Lugo Sala deseña un proxecto de fútbol sala a longo prazo

LugoXa
Lugo Sala deseña un proxecto de fútbol sala a longo prazoDende o club explican o plan de futuro que teñen en mente
lugo sala 2
10 Out 2021

Dende o club explican o plan de futuro que teñen en mente, así coma os obxectivos marcados para as próximas tempadas, de carácter social

Lugo sempre foi unha cidade con gran paixón e seguimento do fútbol sala. Dende a tempada 2002/2003 ata a tempada 2014/2015, a cidade contou cun equipo de fútbol sala na máxima categoría nacional, o Azkar Lugo FS e, ademais, existía a Escola Terra, un proxecto de fútbol sala base onde se formaban xogadores nas diferentes categorías de forma profesional.

Sen embargo, este gran proxecto chegou ao seu fin despois de numerosos problemas económicos e de desfacer a Escola Terra para sempre. Tras esta situación, Lugo continuaba a ser o berce de moitos dos grandes xogadores actuais a nivel galego, polo que se crearon institucións para suplir esta caída.

Desta maneira, chegou en maio de 2014 o Lugo Sala, unha nova entidade deportiva dentro da cidade de Lugo que busca traballar coa base para formar xogadores e deportistas. O club divídese en dúas partes: por un lado atópase a escola e, polo outro, o primeiro equipo. Esta primeira trátase dunha escola especializada en fútbol sala que ten coma obxectivo fundamental formar a deportistas con bos hábitos para, posteriormente, formar a xogadores de fútbol sala que poidan ir chegando ao primeiro equipo, que milita nesta tempada en terceira división.

Así mesmo, o obxectivo neste ano para o primeiro equipo é ascender a segunda división B, categoría na que militan equipos coma o Club Ribeira FS, o Leis Pontevedra FS, O Parrulo Ferrol FS B, o Santiago Futsal ou o CD Segosala, entre outros. De feito, dende Lugo Sala recordan que “xa levamos dúas tempadas perdendo na final do play off de ascenso”.

Para iso, neste verán lograron configurar un equipo de calidade, con veteranía e equilibrado, no que as fichaxes son do máis prometedoras e contan cun bagaxe de experiencia importante “son fichaxes que esperemos que nos dean un salto de calidade. Veñen de competir en categorías superiores e agardamos que nos axuden a acadar o obxectivo”. Xogadores coma Diego Núñez, Iago Rodríguez, Miguel Muñoz -de O Parrulo Ferrol-, Antonio Diz -do Noia FS-,  Javi Río e Bruno son algúns dos nomes dos que se poderá gozar de novo no Pavillón Municipal de Lugo.

Así mesmo, dende a entidade de Lugo Sala mencionan a importancia da base que se pode ver reflectida coa subida de catro xuvenís ao primeiro equipo. Xunto a eles, xogadores que xa se atopaban no primeiro equipo coma Costoya, Yago e Luís Carballal, entre outros -que aínda se están formando e que contan cunha gran proxección-, serven de base do proxecto e dan continuidade ao equipo que se leva formando durante estes anos.

Unha unión equilibrada que xunta a xuventude e a formación coa veteranía e a experiencia de xogadores que levan rodado anos e anos por equipos de primeira e segunda división nacional.

Ademais, dende o club lembran que este equipo vai atraer afección ao Pavillón Municipal de Lugo xa que moitos dos xogadores levan anos sen competir en Lugo.

A longo prazo, dende o club sinalan que o obxectivo é estar nunha categoría semiprofesional de fútbol sala “se a curto prazo falamos de ascender a 2ªB, a longo prazo falamos de estar, polo menos, en segunda división”. A nivel escola defenden o feito de seguir profesionalizando a estrutura “non no feito de ter máis ou menos nenos, senón de contar cunha boa estrutura. Actualmente, os nosos traballadores están dados de alta e teñen a súa seguridade social. Ademais, temos a nosa instalación privada no Pazo de Feiras e Congresos para dispoñer dela con tres ou catro pistas e poder adestrar coa mellor calidade posible. Se podemos seguir investindo en servizos para os nosos xogadores, mellor”.

Así mesmo, mencionan o proxecto de sección feminina que comezaron o ano pasado, sacando un equipo senior na primeira categoría provincial. Nesta tempada, pola súa banda, tamén van contar cun xuvenil en liga galega e, a longo prazo, a idea de Lugo Sala é ter unha escola con equipos femininos por un lado e con equipos masculinos polo outro. “Nós queremos ofertar e potenciar a nosa escola tamén para as nenas. Temos ilusión e cremos que a longo prazo podemos conseguilo”.

EVOLUCIÓN. Hai que ter en conta que Lugo Sala é un club relativamente recente -nado no 2014- que creceu e evolucionou positivamente nestes sete anos. Desta maneira, segundo comentan dende Lugo Sala, o primeiro ano, que foi a tempada do ano 2014/2015, contaban con 50 rapaces aproximadamente e catro equipos. A evolución foi tal que, actualmente, cóntase con arredor de 18 ou 19 equipos -contando co senior masculino e co senior feminino- e unha escola que ronda os 250 xogadores en total.

Ademais, para rematar e, sumados aos obxectivos da escola e do primeiro equipo, dende Lugo Sala queren continuar o crecemento nos obxectivos a nivel social, a través de recollida de xoguetes e de alimentos. Así mesmo, tamén buscan seguir traballando con asociacións de nenos con necesidades educativas especiais coma pode ser Raiolas e colaborando con outras entidades e institucións da provincia de Lugo que axuden a nivel social.

lugo sala 6
lugo sala 1
lugo sala 3
0.19432806968689