Lugo, sede dun proxecto pioneiro pola cultura entre universidades, museos e profesorado

LugoXa
A Área de Cultura da Deputación de Lugo, a través da súa Rede Museística Provincial (RMPL), está sendo o epicentro do innovador proxecto educativo
Xornadas-Internacionais-de-Educación-e-Museos
4 Jul 2024

A Área de Cultura da Deputación de Lugo, a través da súa Rede Museística Provincial (RMPL), está sendo o epicentro do innovador proxecto educativo que une a universidades, museos e profesorado de secundaria co obxectivo de traballar nos dereitos culturais. En relación co modelo de xestión educativa nos museos, recentemente, a Xerente da Rede Museística Provincial de Lugo foi convidada polo Ministerio de Cultura, concretamente pola Directora Xeral de Dereitos Culturais, para formar parte como experta do grupo de traballo de Educación para a realización do Plan de Dereitos Culturais.

Este proxecto, cuxa presentación de resultados tivo lugar en Lugo, xorde dun meticuloso proceso de traballo. En xaneiro, tivo lugar no Museo do Prado a reunión de traballo do proxecto nacional I+D+i Proba de Concepto, financiado pola Axencia Estatal de Investigación, titulado "Enseñanza de la historia y difusión del patrimonio cultural. Transferencia de investigaciones sobre formación del profesorado, recursos digitales y métodos activos", na cal se definiron as accións a desenvolver en Lugo.

O Museo Provincial de Lugo acolleu as primeiras ponencias das Xornadas Internacionais de Educación e Museos, na que se expuxeron as potencialidades dos museos para xenerar contidos e situacións de aprendizaxe para a educación histórica e patrimonial. Profesionais de museos e expertas en didáctica e formación do profesorado trasladaron nas súas intervencións os resultados do proxecto "Ensinanza da historia e difusión do patrimonio cultural Trasnferencia de investigacións sobre formación do profesorado, recursos dixitais e métodos activos” no que participaron unha vintena de museos e universidades de todo o Estado e que se ven desenvolvendo desde comezos de ano.

Na inauguración das xornadas, a deputada de Cultura Iria Castro destacou “que a elección de Lugo, e da Rede Museística Provincial, para presentar as conclusións deste proxecto de ámbito estatal reforza os museos provinciais como promotores de iniciativas pioneiras de cara ao cumprimento dos dereitos culturais”, ademais de ofrecernos “unha gran oportunidade para proxectar o noso patrimonio en todo o Estado”.

Tras o relatorio inaugural, a cargo da escritora e catedrática de didáctica das ciencias experimentais Marilar Alexandre, que incidiu no papel emancipador da educación, Encarna Lago, xerente da Rede Museistica Provincial, Pilar Alcántara Peyres, do Museo Nacional de Arqueoloxía Subacuática, Eloisa del Alisal Sánchez, do Museo da Memoria de Andalucía e Ramón Cózar Guitíerrez e María del Mar Simón García, da Universidade de Castilla-La Mancha conduciron un coloquio no que se valorou a potencialidade de pezas dos diferentes museos para abordar temáticas como as migracións, a diversidade funcional ou as causas de situación de risco de exclusión.

Participación de 14 museos e 6 universidades

No proxecto participan 14 museos, incluíndo o Museo Nacional do Prado, o Museo Arqueolóxico Nacional, o Museo Nacional de Altamira, o Museo Nacional de Arqueoloxía Subacuática, a Rede Museística de Lugo (Museo Provincial de Lugo, Museo San Paio de Narla, Museo Pazo de Tor, Museo Provincial do Mar), o Museo de Pontevedra, o Museo do Pobo Galego, os Museos do Concello de Vigo, o Museo Arqueolóxico de Alicante e o Museo da Memoria de Andalucía.

Así mesmo, colaboran 6 universidades: a Universidade de Murcia (coordinadora), a Universidade de Santiago de Compostela, a Universidade de Granada, a Universidade de Almería, a Universidade de Valladolid e a Universidade de La Laguna, ademais de profesorado de tres Comunidades Autónomas diferentes (Murcia, Castela-A Mancha e Cantabria). Un equipo revisou e valorou as situacións de aprendizaxe deseñadas sobre narrativas alternativas e contrahexemónicas: desigualdades sociais e económicas, persoas en situación de dependencia na historia, violencia machista, historia e migracións, racismo e escravitude, seguridade no traballo ou a España democrática.

Froito do traballo en rede, xorden as xornadas como Curso de Verán da USC "Xornadas Internacionais Museos e educación. Experiencias para a difusión do patrimonio e o cumprimento de dereitos culturais", que se celebran do 3 ao 5 de xullo en tres dos museos da RMPL. Este evento marca un fito na colaboración interinstitucional para a promoción e defensa dos dereitos culturais, e reafirma o compromiso de Lugo e a súa RMPL na educación e difusión do patrimonio cultural.

0.16580200195312