Lugo, sede dunha formación profesional sobre inseminación bovina

LugoXa
A Oficina Agraria Comarcal organiza en Lugo unha acción formativa sobre a inseminación e a mellora reprodutiva bovina.
vaca rubia galega
2 Xul 2022

A Oficina Agraria Comarcal organiza, para o vindeiro 5 de xullo, unha acción de formación profesional e adquisición de competencias sobre mellora reprodutiva e inseminación bovina. O obradoiro darase o día 5 de xullo no salón de actos do Edificio Administrativo da Xunta de Galicia en Lugo. A acción formativa terá un horario tanto de mañá, dende as 9:00 ás 14:00 horas; coma de tarde, dende as 16 ás 21 horas.

O programa deste curso aborda unha serie de nocións sobre este tipo de gando, a súa anatomía, os síntomas do celo e as diferentes técnicas e métodos de inseminación artificial e tratamento do seme. Así mesmo, faranse prácticas sobre os coñecementos adquiridos nunha explotación bovina.

A Axencia Galega da Calidade Alimentaria, a través da formación non regrada e dentro do plan de formación continua 2022, pretende dar a coñecer as bases anatómicas e fisiolóxicas da inseminación e detección de celos, así coma sobre o manexo reprodutivo dos animais e arredor de técnicas básicas da inseminación artificial. Este curso está dirixido ás persoas vinculadas profesionalmente, ou con expectativa de incorporación, aos sectores produtivos gandeiros, agrarios, agroalimentarios e de cadea forestal-madeira. Así mesmo, o curso tamén pretende ofrecer unha oportunidade laboral á xuventude do medio rural galego.

Cómpre lembrar que a Consellería do Medio Rural conta cun plan de accións formativas e de transferencia para este ano 2022 que pode consultarse no seguinte enlace:
https://ovmediorural.xunta.gal/gl/consultas-publicas/accions-formativas. Precisamente nesta páxina pode atoparse o referido curso e facer a pre-inscrición en liña cubrindo os datos necesarios.

O coordinador poñerase en contacto coas persoas interesadas a través do correo electrónico comunicándolle se está ou non admitido. Para consultar calquera dúbida, pode chamarse ao teléfono 982 294 933, ou enviarse un correo a oac.svo.lugo@xunta.es.

0.15424013137817