Lugo, sede española da Semana dos Ensaios Clínicos cunha xornada no HULA

LugoXa
Este é o segundo ano que EUPATI-España leva a cabo o seu acto central da Semana dos Ensaios Clínicos en Lugo, á vista do peso que a comunidade autónoma de Galicia ten na investigación clínica
eupati-lugo
Xornada da Semana dos Ensaios Clínicos en Lugo
20 Maio 2024

O día 20 de maio celébrase o Día Internacional dos Ensaios Clínicos, data que conmemora o primeiro ensaio clínico da historia, que foi realizado por James Lind en 1747 e que sentou as bases para a investigación clínica. Aquel ensaio trataba de identificar a causa do escorbuto que afectaba os mariñeiros da Armada Británica.

Así, con motivo da conmemoración do Día Internacional dos Ensaios Clínicos, a asociación EUPATI-España organiza este martes en Lugo unha xornada titulada “Ensaios clínicos: transformando retos en oportunidades”. Esta xornada, aberta a toda a cidadanía, terá lugar no salón de actos do Hospital Universitario Lucus Augusti (HULA) de Lugo en horario de 12 a 14.30 horas e nela trataranse os novos desafíos para a investigación clínica, con temas tan importantes como os ensaios clínicos en Atención Primaria, as novas regulacións europeas e o impacto dos datos na investigación, pero sen esquecernos doutros temas importante como a posición de España no ecosistema da investigación.

A inauguración da xornada correrá a cargo do Conselleiro de Sanidade da Xunta de Galicia, Antonio Gómez Caamaño, e o seu peche será realizado polo xerente da área Sanitaria de Lugo, A Mariña e Monforte de Lemos, Ramón Ares Rico. Na devandita xornada intervirá Pilar Rodríguez Ledo, subdirectora de humanización, calidade e atención á cidadanía da área sanitaria de Lugo e presidenta da Sociedade Española de Médicos Xerais e de Familia (SEMG), que será entrevistada polo xerente da liga Reumatolóxica Galega, José González León, sobre a investigación en atención primaria.

A continuación e sobre o mesmo tema, Pilar Rodríguez Ledo moderará unha mesa redonda na que participarán Santiago Alfonso Zamora, vicepresidente do Foro Español de Pacientes e director de Acción Psoriase, Pilar Morgade Saavedra, directora da área de planificación e promoción da investigación sanitaria da Axencia Galega do Coñecemento en Saúde (ACIS), Cristina Arijón Barazal, médico de familia no PAC de Palas de Rei e membro vocal do Comité de Ética da Investigación con medicamentos da área de Sanitago-Lugo, José Valenzuela Mendoza, representante da área de ensaios clínicos da AEMPS, e Amelia Martín Uranga, directora asociada de investigación clínica.

Tras esta mesa redonda, Rob Camp, responsable de relacións internacionais de EUPATI- España, falará de como os pacientes poden colaborar na investigación. A continuación, terá lugar a segunda das mesas redondas, moderada por Fátima Rodríguez Moreda, asesora xurídica de EUPATI-España, na que se debaterá sobre as reformas lexislativas en Avaliación de Teconologías Sanitarias (HTA) e materia farmacéutica con Raquel Sánchez Sanz, asesora do Foro Español de Pacientes, Alfonso Aguarón Turrientes, representante de Lung Cancer Europe, Sergio Vázquez Estévez, xefe de oncoloxía médica do HULA, María José do Pino do Barrio, representante da EMPS, e Pedro #Luis Sánchez, director do departamento de estudos de Farmaindustria.

Este é o segundo ano que EUPATI-España leva a cabo o seu acto central da Semana dos Ensaios Clínicos en Lugo, á vista do peso que a comunidade autónoma de Galicia ten na investigación clínica e así destacar que os proxectos de investigación non só levan a cabo nas grandes cidades, se non que noutras de menor entidade existen centros de investigación punteiros.

0.14647197723389