Lugo será sede do II Encontro Estatal de Gobernos Locais e Cooperación Internacional
Lugo acollerá o II Encontro Estatal de Gobernos Locais e Cooperación Internacional ao Desenvolvemento. A cidade amurallada será o escenario da segunda edición do evento, debido ao papel colaborador e ao compromiso permanente do Executivo con numerosos proxectos solidarios.
A concelleira de Benestar Social, Inclusión e Persoas Maiores, Olga López Racamonde, mantiña unha xuntanza telemática cunha das entidades organizadoras da cita, que terá lugar o 7 de febreiro no MIHL e o día 8 no Vello Cárcere, respectivamente, para concretar os seus preparativos.
A edil quixo destacar a “importante repercusión e a relevancia do espazo xerado o ano pasado en Córdaba, ao abeiro do primeiro Encontro que, agardamos, teña agora continuidade e permita avanzar no labor emprendido, mellorando o intercambio de coñecementos entre os Gobernos locais de España, o Executivo central e as axencias internacionais”.
A convocatoria, impulsada por Confocos e o Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade - e que conta co apoio, entre outros organismos, do Concello de Lugo e a Deputación Provincial - espera reunir a prestixiosos responsables políticos e institucionais de todo o Estado para abrir o diálogo ao redor da capacidade de actuación pública municipal de colaboración e acción internacional.
“Serán dúas xornadas para abordar a cooperación descentralizada con plenarias, obradoiros, intercambios técnicos e mesmo tamén cunha axenda cultural propia que nesas datas contribuirá a proxectar a imaxe de Lugo como o gran referente solidario que somos”, engadiu Olga López.