Lugo suma 164 prazas no centro coa apertura do aparcadoiro gratuíto do Fogar de Santa María
Lugo estrea novas prazas de aparcamento gratuítas coa posta en marcha do aparcadoiro no Fogar de Santa María, un proxecto no que a Deputación Provincial investiu 465.000 euros. Esta nova infraestrutura ofrece un total de 164 prazas de estacionamento, das cales 33 estarán reservadas para persoal autorizado, como traballadores da Deputación e da Policía Nacional, mentres que as restantes 131 estarán dispoñibles para a veciñanza.
O aparcadoiro estará aberto ao público en horario non laboral, que incluirá os días laborables de 16:00 a 00:00 horas, e durante os fins de semana e festivos de 08:00 a 00:00 horas. O presidente da Deputación, José Tomé, destacou que esta actuación permite mellorar a accesibilidade, comodidade e utilidade do espazo, beneficiando tanto aos empregados públicos como á cidadanía en xeral.
José Tomé recordou que, grazas a este proxecto, o número de prazas de aparcamento incrementouse de 90 a 164, o que converte este aparcadoiro no máis grande de Lugo en pleno centro da cidade. O mandatario tamén respondeu ás críticas do Partido Popular, afirmando que o proxecto foi posto en marcha cando estivo todo preparado, sen deixar lugar a leccións doutros partidos. No acto de inauguración estiveron presentes, ademais do presidente e da alcaldesa Paula Alvarellos, a deputada de Réxime Interior, Promoción do Territorio e Turismo, Pilar García Porto, o deputado de Promoción Económica e Social, Pablo Rivera Capón, e o deputado de Formación, Ensino e Economía do Coñecemento, Miguel Fernández Méndez.
Obras de acondicionamento
As obras para a creación deste aparcadoiro afectaron a varios pavillóns do complexo de Santa María. Estas consistiron na demolición do antigo pavimento, a instalación dunha nova rede de pluviais, a pavimentación do terreo e a mellora do alumeado. Ademais, humanizouse o espazo co axardinado e acondicionouse o acceso peonil entre as diferentes zonas do complexo.
José Tomé resaltou que esta reforma completa o investimento de 1,7 millóns de euros realizado previamente na rehabilitación dos pavillóns 1 e 2 do Fogar de Santa María, sumando un total de máis de 2,2 millóns de euros destinados a este emblemático complexo. Destacou que este proxecto foi posible grazas á estreita colaboración entre a Deputación e o Concello de Lugo, un esforzo conxunto que busca mellorar a mobilidade e humanizar espazos ao servizo da veciñanza.
A alcaldesa Paula Alvarellos felicitou á Deputación pola apertura deste aparcadoiro, destacando a súa contribución a unha cidade máis sostible e de maior calidade de vida. Alvarellos tamén instou a outras administracións, como a Xunta de Galicia, a seguir o exemplo de colaboración e a optimizar o funcionamento da cidade, abrindo en horario de tarde os aparcadoiros dos institutos e do multiusos.