Lugo, cuarta cidade galega que supera a barreira dos 100.000 habitantes
O Concello de Lugo supera os 100.000 habitantes. Segundo os datos do Padrón Municipal, a cidade conta con 100.060 habitantes, superando a barreira dos 100.000, despois de pecharse o dato oficial de poboación en 98.214 a 1 de xaneiro de 2023. Convértese, deste xeito, na cuarta urbe galega en dar este paso, despois de Vigo, A Coruña e Ourense.
A alcaldesa de Lugo, Paula Alvarellos e o tenente alcalde, Rubén Arroxo, compareceron en rolda de prensa para anunciar que a cidade chega a este marca tras rexistrar un aumento de 1.500 habitantes no último ano. “Hoxe é un día histórico para Lugo. Este logro non só é un fito demográfico, senón un claro sinal do éxito das nosas políticas e da forza e determinación de todos os que formamos esta comunidade”, sinalou Alvarellos. Tras este obxectivo, ·polo que as forzas progresistas que formamos o Goberno local levamos anos traballando, existe unha aposta clara por construír unha cidade de oportunidades, que ofreza a posibilidade de desenvolver tanto un proxecto persoal como profesional. Lugo é a día de hoxe un destino atractivo para vivir”, proseguiu a rexedora quen destacou a importancia das políticas implementadas polo Goberno local para crecer en poboación.
“Todo este traballo no eido urbanístico, medioambiental, económico, social e administrativo non só está a mellorar a calidade de vida dos nosos cidadáns, senón que tamén fixeron de Lugo un destino atractivo para novos residentes e investidores”, concluíu. Rubén Arroxo, responsábel da Tenencia de Alcaldía e concelleiro área de Mobilidade do Concello, afirmou que "no ano 2019 chegabamos ao goberno co obxectivo de facer de Lugo un lugar mellor no que vivir, e iniciamos o proceso para transformar os espazos públicos e a mobilidade da cidade, avanzando neste obxectivo".
Engadiu "chegamos por fin á meta dos 100.000 habitantes, toca seguir traballando para continuar a mellorar o concello, seguir crecendo e mellorando a cidade". A chegada aos 100.000 habitantes permitirá, segundo explicou Rubén Arroxo, que o Concello de Lugo sexa candidato a un maior financiamento estatal, ao poder optar a fondos pechados a cidades de máis de 100.000 habitantes, e aumenta o interese empresarial da cidade, dado que moitas empresas só se instalan en cidades cuxo padrón supera esta cifra.
Destacou o traballo realizado durante este ano de cara a dinamizar a Praza de Abastos e o Mercado Municipal. "Hoxe podemos ver estes espazos cheos de vida, ocupados por novas xeracións de vendedoras e vendedores que continúan a achegar produtos de calidade a estas dúas instalacións históricas que contan cun emprazamento totalmente renovado", afirmou. Arroxo destacou que Lugo está a ser unha cidade "na que a xente nova está apostando para arrancar o seu proxecto", e afirmou que "este fito custou traballo e tempo, pero o mellor para Lugo está por vir, imos velo en pouco tempo".