Lugo terá dous quioscos con aseos na praza Maior e en Santo Domingo

LugoXa
O municipio de Lugo disporá de dous quioscos con aseos públicos e gratuítos na Praza Maior e na praza de Santo Domingo
Quisco Praza Maior
5 Xul 2022

Lugo capital disporá proximamente de dous quioscos que contarán, ademais, con aseos públicos e gratuítos para a cidadanía. Estarán ubicados na Praza Maior e Santo Domingo, segundo anunciou hoxe a alcaldesa, Lara Méndez.

A rexedora sinalou que esta semana a Xunta de Goberno autorizará o procemento de concesión do uso privativo destes espazos para iniciar os trámites da adxudicación que se reserva a centros especiais de emprego de iniciativa social ou a empresas de inserción.

“Queremos cumprir así cunha demanda que existe dende hai tempo na nosa cidade, retomando unha actividade de gran utilidade pública que nos permitirá, á súa vez, seguir traballando e avanzando na integración laboral de colectivos vulnerables como xa estamos a facer, tamén, a través doutras prestacións ou de iniciativas como poden ser o Plan de Embelecemento Urbano ou o Muramiñae Rehabilita”, subliñou Méndez.

A alcaldesa lucense explicou, así mesmo, que a concesión, que terá unha vixencia de 12 anos, se rexerá a través da Ordenanza (número 154) que regula as taxas pola utilización privativa da vía pública con este tipo de instalacións. Establecéndose un canon mínimo anual de 136 euros por cada m² que ocupen coas mesmas.

“Irán aloxados nos seus emprazamentos anteriores por considerarse estes como os máis axeitados, tanto polo arraigo que tiña o servizo nestes puntos como pola súa utilidade – ao ser dúas localizacións céntricas e con moita afluciencia – e pola súa conveniencia, xa que non precisa de obra nova para a súa conexión ás redes de subministración enerxética e de distribución e saneamento de augas”, referiu a rexedora.

Lara Méndez avanzou que “os quioscos poderán funcionar todos os días do ano, como mínimo dende 08.30 a 20.30 horas, agás o 24 e 25 de decembro e o 1 de xaneiro que poderán permanecer pechados, polo que agardamos que a súa próxima apertura sexa tamén unha importante oportunidade laboral para moitas persoas”.

0.10976886749268