Lugo transforma as súas prazas nunha gran aula de reanimación co II Maratón RCP ‘Lugo con Corazón’

As prazas e parques de Lugo transformaranse este xoves, 16 de outubro, nunha gran aula ao aire libre con motivo do II Maratón de Reanimación Cardiopulmonar (RCP) ‘Lugo con Corazón’.
Esta actividade, impulsada pola área de Cohesión Social do Concello, achegará á cidadanía os coñecementos básicos sobre como actuar ante unha emerxencia vital. A xornada celebrarase en horario de 11:00 a 14:00 horas e de 16:30 a 19:30 horas, e ten como obxectivo reforzar a formación práctica da poboación nas técnicas de primeiros auxilios e no uso dos desfibriladores instalados por toda a cidade.
As actividades desenvolveranse de maneira simultánea en catorce puntos da cidade, entre eles a Praza Maior, a Horta do Seminario, Augas Férreas, a Milagrosa, Paradai ou o Centro Comercial Abella, espazos escollidos pola súa gran afluencia e accesibilidade. Durante a xornada, o público poderá practicar manobras básicas de RCP, aprender a identificar unha parada cardiorrespiratoria e coñecer como funcionan os desfibriladores DESA, nun formato didáctico, participativo e gratuíto, sen necesidade de inscrición previa.
O alcalde de Lugo, Miguel Fernández, destacou que “actividades coma esta permiten salvar vidas e avanzar cara a un Lugo máis saudable e comprometido co benestar da súa veciñanza”, e lembrou “a importancia de que cada vez máis persoas coñezan as manobras básicas de reanimación, porque a resposta inmediata pode marcar a diferenza entre a vida e a morte”.
A concelleira de Cohesión Social, Olga López Racamonde, explicou que o obxectivo é “familiarizar á cidadanía co uso dos desfibriladores e transmitir a confianza necesaria para actuar ante unha parada cardiorrespiratoria”. Engadiu que estes equipos “son moi sinxelos de empregar e contan con instrucións de voz que guían o proceso paso a paso, polo que calquera persoa pode utilizalos de forma segura mentres chegan os servizos de emerxencia”.
O evento conta coa colaboración do Colexio Oficial de Médicos e do Ilustre Colexio de Enfermaría de Lugo, ademais do servizo de Cardioloxía do Hospital Lucus Augusti (HULA), que ofrecerán asesoramento e supervisión técnica durante as prácticas.