Lugo Transforma continúa o apoio do tecido produtivo coa incorporación dunha nova firma
A alcaldesa de Lugo, Paula Alvarellos, presentou este venres a sétima das empresas que recibirá financiamento da Estratexia Lugo Transforma. Unha ambiciosa iniciativa que o Executivo municipal puxo en marcha durante a pandemia, co obxectivo de impulsar a diversificación industrial do municipio e promover a creación de emprego estable e de calidade. Acompañada polo presidente de Torsa Capital, Jesús Serafín Pérez, polo seu conselleiro Delegado Jesús Torres e o analista de investimento desta sociedade, Jorge Leiro, e o interventor municipal, Alvarellos recibiu a Mario Balboa e Virgilio Vicente de DosDog, como unha nova beneficiaria do fondo emprendedor.
DosDog naceu en Lugo no ano 2020 enmarcada dentro do sector ‘PetFood’. “A súa actividade céntrase na fabricación e venda de produtos alimenticios, pensos e snacks deshidratados para mascotas, coa particularidade de facelo a partir de desfeitos procedentes da industria cárnica, cun modelo baseado na sustentabilidade, a reciclaxe e a economía circular”, explicou a rexedora, quen puxo en valor o feito de que este modelo “vai en consonancia coas liñas de actuación determinadas dende o Concello e que son, tamén, eixe vertebrador do Fondo”.
Deste xeito, a compañía leva a cabo a produción nunha nave situada no Polígono das Gándaras e destaca pola súa “clara vocación pola economía local, sustentada por provedores galegos e sen dependencia do exterior, xerando riqueza na nosa comunidade”, apuntou Alvarellos. A alcaldesa explicou que o investimento en será de 200.000 euros, que a firma destinará a aprovisionamentos e contratación de persoal, coa previsión de xerar 20 novos postos de traballo directos na cidade nos próximos cinco anos, pasando dunha selección de persoal formada por 2 empregados na actualidade a contar cun equipo de 22 persoas nos próximo cinco anos.
Dinamización económica
“O apoio ao emprendemento é un piar fundamental da nosa política de dinamización económica, coa que pretendemos expandir o noso tecido produtivo, xerar emprego de calidade e fixar poboación, avanzando así nun Lugo de oportunidades”, apunto a rexedora. Pola súa banda, Jesús Torres explicou que este investimento realízase a través de dúas operacións: 100.000 euros en participación en capital e 100.000 euros en préstamo participativo convertible. “O que supón que se lles concederá un préstamo a cinco anos que nos dá dereito, en determinados supostos, a converter o principal pendente de amortizar en capital da sociedade”.
O conselleiro delegado subliñou que a iniciativa Lugo Transforma adquire unha maior importancia estratéxica no contexto económico actual. “As empresas ás que se dirixe o fondo teñen especial dificultade á hora de obter financiamento tradicional debido á súa mocidade e por tanto escaso track record (bagaxe financeira) e cando o fan deben aterse, non só a un contexto macroeconómico onde impera a escalada de tipos de interese, senón que deben facer fronte a uns diferenciais elevados, que compensen a asunción do risco por parte da entidade financeira”, proseguíu.
Os xerentes da firma, que destacaron o valor da iniciativa e agradeceron o apoio recibido por parte do Concello, explicaron que os alimentos se obteñen a través da reciclaxe e aproveitamento de produtos cárnicos con pouca ou nula saída, nunha clara aposta por un sistema baseado na economía circular. “Ademais, dámoslle un valor engadido a produtos de proximidade, xa que traballamos directamente con provedores e ganderías da comunidade”, indicaron. Tras a comparecencia, a alcaldesa convocou aos grupos da corporación a unha xuntanza na que, acompañada do presidente de Torsa Capital e o seu conselleiro delegado, deu conta do nivel de implantación e diferentes avances dentro da estratexia Lugo Transforma.