Lugo trasládase ás explotacións de ouro da Gallaecia coas Xornadas Culturais de Cohors III Lucensum

LugoXa
Un ano máis, a Asociación de Recreación Histórica Cohors III Lucensum organiza a décimo quinta edición das súas Xornadas Culturais, en datas próximas ao Arde Lucus.
3 Maio 2024

Un ano máis, a Asociación de Recreación Histórica Cohors III Lucensum organiza a décimo quinta edición das súas Xornadas Culturais, en datas próximas ao Arde Lucus. A proposta ponse en marcha co obxectivo de potenciar e poñer en valor o noso patrimonio etnográfico relacionado coa cultura romana, buscando sempre os mellores especialista no tema escollido en cada edición.

Nesta ocasión a proposta temática é “O ouro en Gallaecia: realidade castrexa romana”, e o formato da conferencia será unha mesa redonda, a celebrar o sábado 4 de maio, as 20.00 horas no salón de actos do centro social do Vello Cárcere. Na cita participarán Aurelia Balseiro, directora do Museo Provincial de Lugo; os arqueólogos Francisco Hervés, Roberto Bartolomé, Iván Merayo e Santiago Ferrer; Roberto Matías, enxeñeiro de minas especialista en minería romana e Enrique González, arqueólogo do Concello de Lugo, que exercerá de coordinador.

Tratase de darlle contestación axeitada a certas interrogantes acerca das explotacións auríferas do noso territorio, formas de extracción, diferenzas con outros xacementos en distintas zonas do imperio, tanto no sistema de explotación como no mineral atopado, a importancia que puido ter na fundación de Lucus Augusti...

O mesmo día, ás 18,00 horas e enlazando con esta conferencia, farase unha visita guiada ao Museo Provincial por distintas estancias relacionadas co tema, Esta visita será dirixida polo arqueólogo do Museo Provincial, Enrique Alcorta e polo mismísimo Paulo Favio Máximo.

0.19277501106262