Lugo únese na recadación de fondos da Asociación Española Contra o Cancro
Lugo vólcase na recadación de fondos da Asociación Española Contra o Cancro. O presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, e o deputado de Promoción Económica e Social, Pablo Rivera Capón, visitaron a mesa informativa e de cuestación que instalou na Praza de San Marcos do Pazo de San Marcos a Asociación Española Contra o Cancro (AECC). O obxectivo desta iniciativa enmárcase nunha campaña dirixida á sensibilizar e a recadar fondos para apoiar aos doentes e ás súas familias, e para a investigación desta enfermidade.
No conxunto da cidade de Lugo despregáronse 21 mesas nas que participaron máis de 100 persoas voluntarias. Ademais, manteñen aberta unha vía de colaboración online (https://mihucha.contraelcancer.es/) e a través de bizum no 06492. A Deputación colabora coa AECC de Lugo cunha achega económica de 8.000 euros ao ano.
Tamén participou a subdelegada do Goberno en Lugo, Isabel Rodríguez, na apertura da cuestación anual, animando aos lucenses a colaborar nesta iniciativa que pretende impulsar a investigación oncolóxica e ofrecer apoio a doentes e familiares da provincia. A mesa para tales fins está instalada un ano máis no edificio da Subdelegación do Goberno, ata onde se desprazou tamén a vicepresidenta da asociación, Berta Salgado. Isabel Rodríguez agradeceu o traballo diario que desenvolve a AECC e puxo en valor o compromiso social na posta en marcha de campañas de concienciación, así como iniciativas para recadar fondos que se destinarán á investigación.
O delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, tamén participou na xornada de cuestación e mantivo un encontro coa súa vicepresidenta en Lugo, Berta Salgado, na mesa instalada na explanada da Delegación territorial. Arias animou a colaborar na recadación de fondos, que axudan a soster o gran labor que realizan ofrecendo servizos gratuítos aos doentes e ás súas familias e apoiando a investigación.
Ao respecto, destacou o compromiso do Goberno galego por situar Galicia á vangarda na atención aos pacientes, a investigación oncolóxica e a prevención, estendendo os programas de cribado coa recente posta en marcha do plan piloto para a detección precoz do cancro de pulmón.