Lugo viaxa ao tempo das villae romanas coas xornadas de Divulgación do Patrimonio Arqueolóxico
A deputada de Cultura Iria Castro inaugurou as VII Xornadas de Divulgación Científica do Patrimonio Arqueolóxico Lucense, que se celebran hoxe e mañá no Pazo de Marcos baixo o título “As villae na Gallaecia. Establecementos agrícolas-señoriais de época romana”.
Coordinadas por Aurelia Balseiro, directora do Museo Provincial de Lugo, e polo doutor en prehistoria Eduardo Ramil, ás xornadas reúnen persoas expertas nestas instalacións que adoitaban aglutinar edificacións dedicadas ao aproveitamento, transformación e almacenaxe de diferentes produtos e que mudaron a paisaxe agraria da Gallaecia tras a conquista romana de todo o Estado, así como exemplos de proxectos de investigación e valorización deste patrimonio como Museo das Villas Romanas de Almenara de Adaja e Puras, en Castiela e León.
Castro deu a benvida a ponentes e asistentes e destacou o Museo Provincial de Lugo como "un referente no estudo da romanización, que desde a Vicepresidencia da Deputación de Lugo tratamos de reforzar" e puxo como exemplo a adquisición do sestercio da caetra ou a reconstrución da estela funeraria de Cerecivs apartir dos fragmentos achados en 1998 durante os traballos de limpeza e posta en valor da muralla romana.
Exposición temporal no Museo Provincial
En paralelo ás xornadas, o Museo de Lugo acolle unha exposición con material divulgativo e explicativo sobre o patrimonio arqueolóxico, conservado no museo, vinculado coas villae romanas documentadas na provincia. A mostra inclúe unha escolma de pezas representativas do material custodiado nas zonas de reserva do MPL, situada a carón das vitrinas da colección estable onde se expoñen pezas arqueolóxicas procedentes de villae lucenses.
Amósanse materiais dos xacementos de San Vicente de Castillón (Pantón), Vilar da Graña (Roupar, Xermade), Area (San Xiao de Faro, Viveiro), Sta María de Proendos (Sober), Quintá (San Vicente da Grade, Chantada) e Agro de Parapar (Barbaín, Lugo); algúns deles expostos ao público por vez primeira, como un fragmento de estuco procedente da villae marítima de Area (Viveiro), dous chocallos achados en Proendos (Sober) e un ponderal de 40 libras, de Castillón (Pantón). A mostra, comisariada por Enrique Alcorta, Aurelia Balseiro e M.ª Ofelia Carnero, pode visitarse ata o 31 de maio na sección de Prehistoria e Arqueoloxía do museo provincial.