Lugo visibiliza as enfermidades raras nun acto con motivo do seu día mundial

A Federación Galega de Enfermidades Raras (Fegerec) celebrou en Lugo un acto con motivo da próxima conmemoración do Día Mundial dedicado a estas patoloxías, que se celebra o 28 de febreiro. O centro sociocultural O Vello Cárcere foi o escenario dun encontro simbólico co obxectivo de sensibilizar á sociedade e dar visibilidade ao impacto que estas doenzas teñen na vida das persoas afectadas e das súas familias.
No transcurso do acto, o delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, lembrou que o pasado verán o Goberno galego aprobou a nova Estratexia en enfermidades raras 2025-2030, que sitúa como prioridade a mellora do acceso a diagnósticos avanzados e tratamentos específicos. Neste momento, segundo indicou, estase a traballar para acurtar os prazos no diagnóstico xenético, un dos principais retos para os pacientes.
Ademais, a Consellería de Sanidade vén de adxudicar a compra de equipamento de última xeración destinado ás unidades de rehabilitación do Servizo Galego de Saúde co propósito de optimizar a atención ás persoas con enfermidades raras, incluída a esclerose lateral amiotrófica. No marco deste contrato, a Xunta incorporará aos servizos de rehabilitación do Hospital Universitario Lucus Augusti un sistema robotizado para a rehabilitación da marcha cun investimento de 181.439,50 euros, co fin de reforzar os recursos dispoñibles na área sanitaria e evitar desprazamentos a outros centros.
Pola súa banda, o alcalde de Lugo, Miguel Fernández, puxo en valor o labor constante das entidades e persoas implicadas neste ámbito, subliñando a importancia de dar voz aos afectados e ás súas familias para avanzar cara a unha sociedade máis xusta, consciente e solidaria. O rexedor incidiu en que, aínda que estas enfermidades sexan minoritarias en número, non o son en relevancia, xa que falan de dignidade, igualdade e dereitos, así como da necesidade de garantir unha atención adecuada a quen máis o precisa.
Desde o Concello de Lugo reafirmaron o seu compromiso co apoio ás asociacións que desenvolven o seu labor no eido social, destacando que fortalecer o tecido asociativo supón contribuír directamente ao benestar das persoas e consolidar unha cidade solidaria e comprometida.