Lugo viviu onte a celebración do día grande de San Froilán

LugoXa
O programa de San Froilán xa está listo e será a segunda edición dunhas festas marcadas pola sombra da covid e con restricións
ruben arroxo e maite ferreiro bolos celtas
6 Oct 2021

Lugo continuou coa celebración do San Froilán no seu día grande, o do patrón, enchendo o recinto feiral e desfrutando da ampla variedade de concertos de grandes bandas e de grupos lucenses.

A edil de Cultura, Turismo e Promoción da Lingua, Maite Ferreiro, explicou que “neste San Froilán quixemos contar con actividades que fomenten a cultura galega, e que sirva para achegar a cultura galega a toda a veciñanza de Lugo e ás persoas que se achegan á cidade nestes días”.

Tamén onte celebrouse a tradicional ofrenda da Corporación a San Froilán no día do Patrón de Lugo.

Por outra banda, o tenente alcalde, Rubén Arroxo e a edil de Cultura participaron na demostración de bolos celtas que organizan a área de Cultura e o Club Bolos Celtas Muralla dentro da programación do San Froilán 2021.

A demostración de bolos celtas forma parte da primeira xornada das festas do San Froilán do 2021. Situouse no cantiño Nemesio Cobreros, ao lado do Vello Cárcere en horario de mañá (12 a 14:30) e pola tarde, entre as 18 e as 20 horas.

As actividades e concertos seguirán ata o martes 12 na que se porá punto e final a unhas festas marcadas polo covid. Pódese consultar a programación completa NESTE ENLACE.

RECINTO FEIRAL

O feiral que estará acotado entre as Avenidas Rodríguez Mourelo – Praza de Avilés – e García Portela, a rúa Vila de Foz e o segundo bancal do Parque Rosalía de Castro até a explanada do Pavillón Municipal. Precisamente este último será, xunto coa Porta de Bispo Aguirre e as rúas Armando Durán e Puro Cora os puntos de acceso, tanto de entrada como de saída, preferentes ao recinto.

“Haberá delimitado un itinerario recomendado, coa capacidade máxima que determine a normativa da Xunta, durante o que, en todo momento, as persoas que se atopen nel deberán facer uso obrigatorio da máscara, gardar a distancia de seguridade e atender ás recomendacións que as forzas de seguridade lles fagan así como evitar aglomeracións”, explican dende o Concello.

CONSULTA O PLAN DE TRÁFICO NESTE ENLACE

HORARIO

Durante a semana, o feiral funcionará só polas tardes mentres que nas xornadas festivas, sábados e domingos, poderá estar operativo todo o día até a unha da madrugada (01:00 h). “Un horario que se estableceu atendendo á situación epidemiolóxica actual e tamén en coherencia cos límites polos que se rexen actualmente os establecementos de hostalaría”.

Neste 2021 os tres escenarios principais da capital serán as Prazas da Horta do Seminario e de Santa María e o lateral do Auditorio Gustavo Freire. A maiores, o San Froilán Miúdo celebrase no aparcadoiro municipal do Seminario. Todos os recintos estarán adecuadamente perimetrados e disporán de sinalización.

Tendo en conta todas estas circunstancias, o Concello elaborou un Plan de Tráfico no que se recolle a prohibición de estacionar, xa dende as 00:00 deste venres, nas avenidas Rodríguez Mourelo e García Portela mentres que as persoas residentes nestas zonas non precisarán de autorización para acceder.

ASEOS PÚBLICOS

Por outra banda, o concelleiro de Medio Ambiente informou, alén, de que o Concello instalará 14 wc’s portátiles, 3 deles para persoas con mobilidade reducida en distintos puntos do recinto feiral, que se limparán dúas veces ao día.

As cabinas, ubicaranse nas Prazas de Santa María (3), na Horta do Seminario (3) e na explanada do Auditorio Gustavo Freire (3), así como no Patio do Edificio Administrativo do Concello (1), na explanada do Pavillón (1), no bancal do Parque de Rosalía de Castro (1) e nas rúa García Portela (1) e Puro Cora (1).

PROGRAMACIÓN DEPORTIVA

A Concellería de Deportes apoia o amplo número de actividades deportivas que haberá durante o San Froilán na cidade de Lugo e que concentrarán a máis de 10.000 persoas.

Un total de 15 citas deportivas de diferentes modalidades completarán a programación de actividades, entre as que atoparemos o partido de volta da primeira xornada da Copa de Europa feminina que disputará o Ensino, un torneo de boxeo que terá lugar no ximnasio do Polideportivo Municipal do Pombal, o triangular amigable de pretempada entre o Club Xabarin Lugo, tamén o C.V. Pontevedra e o Narón xogarán o primeiro partido da Superliga, unha concentración atlética de saltadores de lonxitude, tripla, altura e pértega de toda Galicia nunha superficie adaptada para a ocasión con trofeos e premios en metálico para os mellores, o primeiro campionato internacional de petanca, que contará ca participación de varias federacións españolas procedentes de Galicia, Asturias, Castela León asi como equipos procedentes de Portugal e como non o cuarto encontro da liga ACB que disputa o CB Breogán ou 9ª xornada de liga do CD Lugo no Anxo Carro.

Eventos deportivos que terán lugar entre o 25 de setembro e o 17 de outubro na cidade de Lugo os cales reunirán a máis de 10.000 persoas entre deportistas e afeccionados e deberán cumprir todas as normativas sanitarias vixentes, derivadas da crise sanitaria.

calendario deportivo san froilan

Warning: Trying to access array offset on value of type null in /var/www/vhosts/editorialtristram.es/httpdocs/wp-content/themes/plosa/stats/stats_chatgpt.php on line 634

Warning: Trying to access array offset on value of type null in /var/www/vhosts/editorialtristram.es/httpdocs/wp-content/themes/plosa/stats/stats_chatgpt.php on line 635
0.20504188537598